Por E.P. | Ourense | 15/09/2020 | Actualizada ás 18:49
O director José Luís Cuerda, falecido o pasado mes de febreiro, será homenaxeado no 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense (OUFF), "un xusto recoñecemento, que ten a súa razón de ser na gran vinculación que o director tiña co festival e coa provincia de Ourense", en palabras do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que visitou xunto coa filla do cineasta a súa casa ourensá "no corazón do Ribeiro".
No encontro, Baltar tamén informou a Elena Cuerda da tramitación do expediente para o nomeamento de José Luís Corda como Fillo Adoptivo da provincia, así como dos prazos "para que este recoñecemento sexa aprobado pola corporación provincial e se proceda á súa entrega nun acto solemne".
"Cuerda é Ourense, e Ourense é Cuerda, nunha relación que se axiganta co protagonismo nesta edición do Festival de Cinema e, sobre todo, con ese futuro nomeamento como fillo adoptivo da nosa provincia", resumiu Baltar
Precisamente, unha das actividades enmarcada na homenaxe do OUFF a Cuerda será a proxección das súas películas máis ourensás do cineasta: 'La lengua de las mariposas' e 'Los girasoles ciegos'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.