Temas: MúSICA

Slayer, Bad Religion, Exodus e Biohazard, no Resurrection Fest

Máis de medio cento de bandas de Galicia e internacionais actuarán no festival que se celebra en Viveiro, entre as que estarán estrelas da escena metal, trash, hardcore e punk como As I Lay Dying, Black Flag, Millencolin, Killswitch Engage e Jello Biafra, líder dos Dead Kennedys. O festival celebrarase os días 1, 2 e 3 de agosto.

Por GC Tendencias | Viveiro | 05/04/2013 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

Bandas míticas da escena metal, trash, hardcore e punk como Slayer, Bad Religion, Exodus ou Biohazard actuarán en Viveiro no Resurrection Fest, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto.

Cartel do Resurrection Fest 2013
Cartel do Resurrection Fest 2013

O festival galego consolídase como unha das citas de referencia en todo o mundo para os amantes dos ritmos e sons máis potentes. Malia a crise, a oitava edición do Resurrection Fest mantén o alto nivel que vén caracterizando a este festival e contará con máis medio centenar de bandas de Galicia e pesos pesados internacionais.

A exclusividade destas actuacións fará que, un ano máis, miles de fans de toda a península e doutras partes do mundo se acheguen ata Viveiro, xa que todas as bandas internacionais farán desta a súa única actuación na península.

O festival prepara para os seus seguidores grandes momentos como a aparición de dúas lendas do trash metal chegadas de California: Slayer, que estará en Galicia coa súa formación orixinal, e Exodus, o grupo formado en 1980 por Kirk Hammett, o celebérrimo guitarrista de Metallica.

Tamén dende California chegará unha banda de punk rock tamén venerada na escena internacional como é Bad Religion, que vén presentar o seu novo traballo discográfico, True North.

Dende a costa Este dos Estados Unidos virá outro grupo lendario como Biohazard, unha das bandas máis votadas polos seguidores nos foros, caracterizada polas súas mesturas de heavy metal, hardcore punk e hip-hop e rap, e as súas mensaxes políticas e sociais.

Entre os pratos fortes tamén estará As I Lay Dying, banda de San Diego de metalcore que actuará por primeira vez no Estado español e que está considerada unha das mellores de metal moderno do planeta.

Outra das sorpresas será a aparición de Black Flag. A veterana banda de Greg Ginn estará descargando o hardcore punk máis enérxico logo de case 30 anos, xunto a un dos seus cantantes máis míticos, Ron Reis.

Outros artistas que pasarán polo Resurrection Fest serán a banda de skate punk Millencolin; os fundadores do metalcore Killswitch Engage, co retorno de Jesse Leach ás voces; a banda de neoiorquina de hardcore Madball; e Jello Biafra, líder dos tamén idolatrados Dead Kennedys, considerado unha referencia e líder intelectual do movemento punk.

O cartel do Resurrection Fest depara, ademais, grandes momentos co heavy metal de Trivium; os pioneros do crossover thrash, D.R.I.; o hardcore dos canadenses Comeback Kid, que repiten; os xigantes do metalcore Evergreen Terrace, e Lamb of God, que volve logo de que o seu cantante, Randy Blythe, fose declarado inocente no xuízo polo accidente que tivo durante un dos seus concertos en Praga en 2010, onde faleceu o seguidor checo de 19 anos Daniel Nosek.

O cartel do Resurrection Fest xa está completado ao 98% e agora só falta por anunciar a selección de bandas galegas, os gañadores do próximo concurso e as bandas tributo que pecharán as noites.

Os primeiros que se apunten ao Resurrection Fest 2013 pagarán 60 euros polos tres días do festival, ata o domingo 7 de abril. A partir do luns 8, o prezo da entrada anticipada será de 69 euros.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sakis Tolis

mimá, pero este festival vai ser moito!! (aínda que non vaia porque non me presta o estilo destas bandas=.