Xunta e alcaldes buscan unha estratexia para recuperar o Parque do Xurés tralos incendios

A asociación animalista Libera propón a prohibición da caza a 500 metros de zonas incendiadas de Ourense.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión por videoconferencia cos rexedores de Lobios, María del Carmen Yáñez, e de Muíños, Plácido Álvarez, co obxectivo de analizar a situación actual nestes municipios, dous dos máis afectados os incendios forestais rexistrados nos últimos días na zona do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

A Unidade Militar de Emerxencias traballa na extinción do incendio en Lobios
A Unidade Militar de Emerxencias traballa na extinción do incendio en Lobios | Fonte: UME.

Durante a reunión, na que tamén participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; a xefa territorial de Medio Ambiente en Ourense, Vitoria Núñez; e a xefa da área de Servizos de Parques Naturais da provincia, Alba Lombao, a conselleira e ambos os dous rexedores coincidiron en mostrar a súa preocupación polo impacto causado polo lume nun espazo de gran riqueza natural, así como na necesidade de comezar a preparar canto antes a recuperación daquelas zonas que resultaron máis afectadas.

Neste sentido, ambas as dúas institucións acordaron traballar xuntas e iniciar con carácter inmediato os traballos previos para elaborar un completo plan de rexeneración do Xurés, o máis extenso do seis parques naturais existentes en Galicia, cunha superficie total de preto de 30.000 hectáreas.

Vázquez ofreceu aos alcaldes a colaboración da Xunta para traballar unidos e coa maior celeridade posible na recuperación dos valores naturais que resultasen afectados polo lume.

Na mesma liña, tamén lles transmitiu que os axentes ambientais do seu departamento -que, segundo indicou, participaron desde o primeiro día xunto ao persoal do parque natural no operativo de emerxencias- colaborarán cos axentes forestais da Consellería de Medio Rural e coas forzas e corpos de seguridade para esclarecer as causas destes lumes.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a reunión para mostrar "a súa máis contundente condena" ante a acción indiscriminada dos incendiarios e tendeulles a man a rexedores, veciños e propietarios dos concellos máis afectados polo lume nesta zona para que conten co apoio da Xunta.

CAZA

Por outra banda, a asociación animalista Libera propón a prohibición da caza a 500 metros de zonas incendiadas de Ourense, a modo de "zonas de seguridade" para permitir á fauna "reconquistar os montes afectados polas chamas de forma naturalizada e sen ameazas externas".

Os animalistas imitan así a lei de caza de Portugal, que fixa en 500 os metros de distancia de seguridade nas cazarías, a diferenza da normativa galega, de tan só 100 de vivendas, estradas e colexios.

Os cálculos dos defensores dos animais sobre o número de especies afectadas, a razón de seis individuos por hectárea e con 9.000 hectáreas arrasadas, elévanse a 54.000 seres "desde réptiles, pasando a pequenos mamíferos, aves nidificadas sen habilidades de voo, raposos ou xabaríns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta