Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/09/2020 | Actualizada ás 20:29
A escritora Oriana Méndez resultou vencedora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación co seu poemario 'Interna', destacado polo xurado do certame como unha obra caracterizada "por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu".
A resolución do xurado desta edición, á que se presentaron un total de 27 obras inéditas, foi dada a coñecer na tarde deste venres nun acto celebrado na Sede Afundación de Santiago.
Nada en 1984, Oriana Méndez é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago. Iniciou o seu labor poético no ano 2000 na revista cultural 'A Caramuxa', que continuou noutros colectivos como Burla Negra ou a revista Mealibra.
O galardón, convocado por Afundación en colaboración co Centro PEN de Galicia e a Xunta, leva a publicación do libro na colección 'Arte de trobar', ademais dun premio económico de 6.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.