Leiras, fontes, penedos... consulta a microtoponimia tradicional do teu pobo neste mapa

O proxecto Galicia Nomeada recolle xa case 20.000 nomes que estaban en risco de se perder.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Recoller todos os "microtopónimos" posibles para evitar a súa desaparición. Esa viría sendo a finalidade fundamental da plataforma Galicia Nomeada, un proxecto xestionado pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia. A iniciativa, fundamentada na contribución colaborativa da sociedade, suma xa preto de 20.000 topónimos en apenas 9 meses de vida.

Campo
Campo | Fonte: Xunta.gal

A enorme contribución microtoponíca foi posible grazas ás achegas duns 1.300 usuarios en todo o país que se dedican, a recoller e salvardar os nomes tradicionais de leiras, devesas, fontes, penedos e veigas, entre outros. Segundo destacan dende a Academia, o número de solicitudes de persoas interesadas en sumarse ao proxecto "non deixou de medrar durante o estado de alarma" e, dende esa data, segue crecendo.

O resultado destas achegas, das cales xa foron validadas o 75% por parte do Seminario de Onomástica da Academia, pode ser consultado no portal web da iniciativa.  Entre os usuarios máis activos no sistema destacan Alberte Reboreda, que incluíu 2.169 topónimos nos concellos de Mondariz Balneario e Mondariz, e o alumnado do IES Pintor Colmeiro, que achegou 1.187 topónimos do concello de Silleda procedentes do proxecto didáctico A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda.

Destacan tamén as achegas de Susana Silva, con máis de 1.000 topónimos compilados en Rianxo; Ana Clotilde Bravo, tamén con máis de 600 no mesmo concello; Xoán Carlos García Porral, que traballou Lalín con 630 nomes (ademais de dirixir os seus alumnos do IES Pintor Colmeiro de Silleda); Xulio Dobarro no Irixo (515); Rocío Romar (500) en Malpica de Bergantiños; Miguel Conde (461) na Pobra do Caramiñal; Ana Martina Varela (400) en Cabana de Bergantiños; ou Sandra Beis (376) en Touro.

O CONCELLO DE RIANXO, Á CABEZA

Por provincias, A Coruña segue a ser a que máis achegas recibiu. Son case 8.000 nomes, que representan o 41% do total. Cómpre salientar que, se no primeiro trimestre de ano había persoas colaborando en 47 municipios desta provincia, na actualidade hai xa usuarios aliados en 79 concellos dos 93 da provincia.

Pontevedra é a segunda provincia con maior número de contribucións, con máis de 6.000 microtopónimos, con algunha achega en 45 concellos dos 61 cos que conta. Lugo ocupa a terceira posición con algo máis de 3.000 topónimos rexistrados polos colaboradores e colaboradoras existentes en 51 dos seus 67 concellos.

Finalmente, en Ourense supéranse os 2.000 nomes enviados á plataforma, con achegas en 62 dos 92 concellos da provincia. O concello de Rianxo é o termo municipal cun maior número de achegas, con máis de 1.800 topónimos engadidos, seguido moi de preto por Silleda con máis de 1.400 e Mondariz con 1.300.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta