Cando o estudo da caligrafía pode resolver unha investigación xudicial

Unha muller da Coruña acusada de mandar cartas ameazantes á súa exsocia podería ser condenada logo de que unha experta en caligrafía apreciase "analoxías" entre as misivas e a súa escritura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2020 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Unha experta en caligrafía confirmou "analoxías" entre a escritura da acusada de ameazar a unha exsocia e as cartas que a vítima recibiu durante catro anos, entre 2009 e 2013. A especialista cre que hai "indicios" de que a procesada sexa a autora das misivas, pero tamén admitiu "dúbidas" ante o xurado popular na Audiencia Provincial da Coruña.

"Hai similitudes no corpo da escritura da acusada", confirmou a testemuña, ratificado durante as dilixencias xudiciais, pero tamén explicou que non está "completamente segura" porque a persoa que escribiu as cartas "tentou disimular" quen era cambiando a súa maneira "natural" de escribir.

Na segunda xornada do xuízo, un garda civil confirmou a presentación da denuncia por parte da vítima e lembrou que lle comentou naquel momento que ambas "tiñan un problema cunha sociedade". O axente explicou que, nas cartas, segundo a vítima, "ameazábana con queimarlle a vivenda".

Unha exsocia das dúas mulleres tamén testificou na sesión recoñecendo que había "problemas" na cooperativa da que formaban parte. Negou que ela escribise ningunha carta, xa que foi investigada durante o procedemento xudicial. "Dicían que había unha carta escrita por min, pero eu non mandei nada", afirmou.

XURADO POPULAR

Está previsto que este mércores o xurado popular emita o seu veredicto. O fiscal pide, no seu escrito de acusación, cinco anos de prisión para a procesada, M.C.T.C., por un delito continuado de ameazas condicionadas e a acusación particular, tres anos e nove meses e afastamento durante cinco anos. Pola súa banda, a defensa solicita a súa absolución.

Segundo o Ministerio Público, enviou "decenas" de mensaxes de móbil e cartas entre 2009 e 2013 con "evidente ánimo de atemorizar á prexudicada". As mensaxes da acusada, engade, estaban "directamente relacionadas cun conflito de carácter societario". O fiscal indica que, nas mensaxes, a acusada insultaba á muller e ao seu marido. Un deles rezaba: "Imos mandar a alguén a porvos unha bomba incendiaria á vosa casa se non pagas douscentos millóns, ateneos ás consecuencias".

Xulgados
Xulgados | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta