Todo listo para unhas novas xornadas de Carne de Boi de Allariz adapatadas á Covid

Do 25 de setembro ao 12 de outubro, un total de 23 establecementos hostaleiros da vila ofrecerán menús e tapas cuxo ingrediente protagonista será a exquisita carne de boi local.

Por X.M. Fernández | Allariz | 24/09/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A carne será cociñada de moitas maneiras diferentes e os comensais atoparán suxestivos petiscos a 2 euros como por exemplo: pitaboi, taco de boi de Allariz desmigado e verduras da horta, mini bollete de boi a baixa temperatura con mollo de cervexa negra, ou cornada de boi e tamén menús de diferentes prezos nos que o boi é produto estrela.

Presentación das xornadas gastronómicas. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación das xornadas gastronómicas. Foto: Prensa Concello de Allariz

A situación actual, e a necesidade de adaptarse aos protocolos covid-19, levaron a tomar a decisión de non realizar nesta edición o concurso de tapas. Foi unha solución consensuada entre o Concello de Allariz e a hostalería local.

A alcaldesa, Cristina Cid, explicaba na presentación das IX Xornadas de Carne de Boi de Allariz, que o aproveitamento dos recursos, do patrimonio e do territorio xera un desenvolvemento económico importante en Allariz; e poñer en valor a crianza e comercialización da carne de boi dende o concello é un claro exemplo. Trátase dun proxecto de economía circular, de produto de proximidade, de posta en valor do rural e de aproveitamento do territorio.

A empresa Briugu Allariz comercializa Carne de Boi de Allariz, ademais de no Mercado da Reserva da Biosfera, e tamén distribúe á hostalería de Allariz. O seu xerente, Xosé Romero, sinala a gran calidade da carne producida en Allariz. Este ano destináronse para as xornadas, 4 bois, ao redor de 1.600 quilos de carne.

Seguindo todos os protocolos sanitarios, e tomando todas as medidas pertinentes, as persoas que desexen degustar un menú con carne de Boi de Allariz poderán reservar con anterioridade a súa mesa nos establecementos participantes.

Bois de Allariz. Foto: Concello
Bois de Allariz. Foto: Concello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta