Sanidade xustifica as restriccións en Vilagarcía e Ames por duplicarse e aumentar os casos

Destaca que Ourense "segue tendo características de alto risco" e na comarca de Pontevedra a situación "non está baixo control" tras dúas semanas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade xustifica as restricións impostas para frear a extensión de casos de coronavirus Covid-19 no municipio de Vilagarcía de Arousa ao duplicarse a incidencia entre o 16 e o 22 de setembro, así como na poboación de Milladoiro, no municipio coruñés de Ames, por aumentar o número de casos e ser a segunda localidade da área compostelá con máis detectados.

Así consta nas diferentes ordes publicadas por Sanidade no Diario Oficial de Galicia (DOG), recollidas por Europa Press, tras a reunión celebrada este mércores do comité clínico para avaliar a evolución da pandemia en Galicia.

Na orde relativa a Vilagarcía, Sanidade explica que a taxa de incidencia neste municipio "aumenta desde principios de setembro" e "é máis do dobre entre o 16 e 22" o que "indica un empeoramento da situación epidemiolóxica", destaca.

"O feito de que Vilagarcía de Arousa teña unha estrutura, na súa maior parte, urbana, de feito é o noveno concello en número de habitantes de Galicia, que as taxas de incidencia estean en aumento e que o número reprodutivo instantáneo tamén estea elevado fai previsible que o brote neste municipio continúe o seu crecemento", expón.

Pola súa banda, Sanidade destaca que o municipio de Ames, xunto co de Santiago, presenta na área sanitaria compostelá "o maior número de casos", que van en aumento nos últimos días" e destaca en especial a situación de Milladoiro "debido fundamentalmente a un evento de gran potencial de expansión da infección", así como, engade Sanidade, "porque, atendidos os grupos de idade máis afectados, existe un número importante de infectados asintomáticos ou con síntomas moi leves, o que facilita a transmisión da infección". Por iso, recomenda medidas restritivas na parroquia de Santa María de Biduído en Milladoiro. A iso, súmase o mantemento das medidas establecidas en Santiago.

OURENSE

No caso do concello de Ourense, onde se amplían desde este xoves as medidas restritivas a máis zonas, Sanidade explica que a taxa de incidencia na comarca seguen en aumento "especialmente a sete días" e o incremento "é especialmente destacable" na cidade das Burgas, "xa que os casos diarios seguen a aparecer de modo continuo, feito que non acontece noutros concellos da área".

COMARCA DE PONTEVEDRA

Na comarca de Pontevedra, concreta Sanidade noutra orde, a taxa de incidencia, "aínda que cunha lixeira baixada, segue sendo importante" o que indica que "o brote non está baixo control" e a porcentaxe de positividad "refire que a transmisión segue sendo importante" e son os concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa os que seguen presentando unha taxa de "incidencia importante con aparición, ademais, de casos de modo diario".

Por iso, Sanidade xustifica o mantemento nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín das medidas establecidas en ordes do 9 e 11 de setembro.

E na comarca do Morrazo a taxa de incidencia vai en aumento, debido, matiza Sanidade, "claramente ao aumento de casos e da taxa no concello de Marín" e que "o número reprodutivo instantáneo, aínda que está a baixar, aínda mostra que a transmisión está activa e poden seguir xerándose casos a partir doutros".

Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press
Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

A CORUÑA

No caso do municipio da Coruña, a Consellería sinala na orde publicada no DOG que "aínda que se observa unha mellora sostida neste concello, as taxas acumuladas están por encima da taxa acumulada total de Galicia e o número de casos nos últimos días segue sendo alto", polo que recomenda "manter as medidas restritivas actuais nas zonas de maior incidencia" deste termo municipal.

Pola súa banda, noutra orde relativa aos municipios pontevedreses de Lalín e Silleda Sanidade sinala que ambos presentan as taxas máis elevadas da comarca do Deza. Así, indica que no segundo "soben respecto da semana anterior" e no primeiro "baixa, aínda que o número de casos segue sendo o máis alto da comarca, o que supón algo máis deñ 50% dos casos totais declarados", matiza.

LUGO

Tamén a evolución da situación na comarca de Lugo avala para Sanidade que se manteñan as medidas restritivas a pesar de que "a evolución deste brote non está a empeorar" e as taxas mantéñense acumuladas a tres, sete e 14 días en niveis altos.

Para Sanidade a situación en Lugo "segue tendo características de alto risco, como son a taxa de incidencia no últimos tres días, que se manteñen en niveis de risco algo". Deste xeito, conclúe que "o informe recomenda continuar coas medidas xa establecidas no concello de Lugo" desde o 28 de agosto.

En xeral, nestas áreas estará vixente a limitación de aforamentos ao 50% en establecementos comerciais, de restauración ou de hostalaría, así como a redución en celebracións, velorios e lugares de culto. En hostalaría está prohibido o consumo en barra e as reunións limítanse a 10 persoas como máximo --no caso de Ourense a cinco--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta