Tamén o transporte escolar pode ser un vector de "contaxio" no rural

O Sindicato Labrego Galego denuncia que "non se están desinfectando os autobuses despois de cada uso".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego manifesta a súa "preocupación" polo inicio do curso escolar no que "nin Xunta nin consellerías responsables de Educación ou Sanidade" fixeron os deberes para garantir a saúde da mocidade, do profesorado e das súas familias. Así, advertiron de que no caso dos alumnos do rural hai un risco de "contaxio", debido ás "condicións" en que se está desenvolvendo o transporte de alumnos.

Así, o SLG sinalou a "imposibilidade de manter as distancias de seguridade" e advertiu de que o transporte constitúe un espazo pechado durante períodos de tempo longos para levar e traer aos nenos de casa ao colexio, e viceversa, sobre o que "ten constancia" de que "non se están desinfectando os autobuses despois de cada uso".

Así mesmo, trátase de vehículos nos que, na mesma xornada, transportan alumnado dos institutos e, despois, pequenos de infantil e primaria. Nestas condicións, "de pouco serve que cada neno ou nena use sempre o mesmo asento, en moitos casos, imposible, por haber máis nenos que prazas".

O SLG lembra que nos fogares do rural adoitan convivir varias xeracións nun mesmo domicilio, incluíndo persoas maiores. Dado que os pequenos en moitos casos son asintomáticos, no caso de infectarse de covid-19, as condicións actuais que se dan nas aulas e no transporte "poden favorecer a transmisión do virus" a poboación vulnerable.

"COLAPSO PEDIATRÍA"

Ademais, o SLG sinala que "outro factor de risco" no rural é o "colapso" nos puntos de atención continuada e, en especial, en pediatría, nos casos nos que haxa este servizo.

Ante "simples" catarros que, en circunstancias normais non serían impedimento para ir ao colexio, os nenos deben de quedar en casa e, de persistir, levalos a pediatría. No caso do rural, coa falta de recurso humanos e materiais, nos centros médicos o colapso "é maior", polo que unhas consultas que se deberían facer con "urxencia" habitualmente, poden "levar días de demora en detrimento de a escolarización dos nenos".

Por iso, o SLG volve reivindicar e defender a necesidade de "apostar decididamente por un ensino e un sistema sanitario públicos fortes", dotados con "suficientes recursos materiais e humanos" para que chegue en igualdade de condicións a toda a poboación, viva onde viva, e "para que toda esa poboación goce en igualdade de condicións dos dereitos á educación e á saúde".

Estudantes nun autobús escolar
Estudantes nun autobús escolar

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta