A Xunta recoñece "carencias" en residencias mentres afirma que no "99%" non hai casos positivos

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, aludiu á próxima construción de sete novos centros residenciais públicos, un en cada unha das grandes cidades de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 24/09/2020 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, admitiu "carencias" nas residencias, pero manifestou que no "99%" delas non hai "ningún caso positivo" segundo expuxo na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego. Nela, apelou tamén ao diálogo para traballar nun novo modelo.

"A vellez é un nicho de negocios moi lucrativo", recriminoulle, nela, a deputada do BNG Olalla Rodil nunha interpelación sobre o actual modelo de centros residenciais.

Na súa resposta, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade defendeu que a Xunta traballa "nun novo modelo de residencias derivado das carencias detectadas pola pandemia". "Un modelo dialogado e debatido co sector", expuxo, incidindo en que o obxectivo é promover "unha maior relación" entre as consellerías de Política Social e Sanidade.

Na súa intervención, considerou que terá "un efecto moi positivo" tamén a creación da Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria.

Por outra banda, aludiu á próxima construción de sete novos centros residenciais públicos, un en cada unha das grandes cidades de Galicia. Con elas, dixo que se porá a disposición das persoas maiores en situación de dependencia "900 novas prazas".

Así mesmo, defendeu a actuación da Xunta fronte ao COVID-19, incidindo en que as residencias dispoñen dun protocolo de actuación elaborado por un comité clínico. "Hai que evitar o peche destes centros cando non sexa estritamente necesario", argumentou tamén tras asegurar que "o 99% das residencias de Galicia non contan con ningún caso positivo" nin de residentes nin de traballadores.

SEN PREVISIÓN, SEGUNDO O BNG

Fronte á súa exposición, e como fixo tamén este xoves a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a deputada nacionalista pediu que se interveñan, con carácter preventivo, todas as residencias privadas en Galicia.

"Falta previsión, non podemos ir a remolque do virus, só actúan cando se detectan brotes", recriminou a deputada nacionalista, quen vinculou as "deficiencias" nestes centros con "a precariedade de recursos". "É inmensamente privado, ineficiente para atender as necesidades e excluínte", reprochou sobre o actual modelo.

Ademais, argumentou que a Administración autonómica "só actúa cando hai un nivel de contaxio". "Hai que controlar, antes de que haxa contaxios masivos, que se cumpre cos cocientes de persoal, que se cumpre con todas as medidas", esixiu Olalla Rodil, quen, sobre as novas residencias, sostivo que "xa que tiñan que estar en 2020".

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, intervén na Comisión de Sanidade. XOÁN CRESPO
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, intervén na Comisión de Sanidade. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta