Creado un Plan de Reactivación entre Abanca e a Deputación da Coruña para superar a crise da COVID

Por outra banda, a Deputación da Coruña aprobou a concesión definitiva de 16 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia para levar a cabo distintos eventos deportivos de singular interese durante o ano 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

Abanca e a Deputación da Coruña asinaron este xoves un acordo para o lanzamento do Plan Reactivación, unha iniciativa que dá continuidade ao Plan Activamos, aplicado nos últimos anos por ambas as entidades para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da concesión de financiamento en condicións preferentes a diferentes colectivos.

Como novidade, este ano o plan inclúe a posta en marcha dun capítulo dedicado especificamente a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria xerada pola COVID-19 sobre as empresas e as persoas autónomas da provincia.

Así se deu a coñecer durante a firma do acordo, na que participaron o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, o director de Negocio Galicia, Asturias e León de Abanca, Lino Comesaña, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso.

O director de Negocio Institucional de Abanca, Santiago Novoa, destacou que este acordo "permite apoiar ao tecido socioeconómico da provincia a través da achega de crédito en condicións vantaxosas", algo que cobra especial relevancia "neste momento de especial dificultade que están a vivir as pequenas e medianas empresas como consecuencia da COVID-19".

Pola súa banda, o presidente provincial destacou que "a colaboración entre Abanca e a Deputación deu excelentes resultados nos últimos anos" e enmarcou o acordo subscrito na estratexia do Goberno provincial de apoiar ás pequenas empresas e autónomos, "un dos colectivos que máis está a sufrir as graves consecuencias económicas da pandemia, e impulsar a recuperación económica da provincia".

A través do Plan Reactivación A Coruña, Abanca pon a disposición dos seus beneficiarios diferentes produtos financeiros deseñados para dar resposta ás necesidades das familias, as pemes, os autónomos, e as corporacións locais. "A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos", destaca a entidade.

No caso das pemes e autónomos, o Plan presta especial atención ás súas necesidades de financiamento a curto prazo. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise da COVID-19. Outras finalidades contempladas polo plan son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.

Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica, e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

EVENTOS DEPORTIVOS

Por outra banda, a Deputación da Coruña aprobou a concesión definitiva de 16 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia para levar a cabo distintos eventos deportivos de singular interese durante o ano 2020.

As achegas provinciais, incluídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, acaban de publicarse no BOP e teñen como obxectivo "apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da provincia a nivel nacional e internacional", segundo explicou a deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán.

Entre as axudas concedidas na convocatoria inclúense probas deportivas de renome como a Pantín Classic e o campionato de España de Surf celebrado na Frouxeira, os Rallyes da Coruña, Ferrol e Terra da auga (Arzúa), a Volta Ciclista á Provincia da Coruña ou o campionato do mundo de Enduro Indoor.

VÍA VERDE

Vinte días despois de que os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda encomendasen á Deputación da Coruña a xestión das obras para a construción da Vía Verde Santiago-Cerceda, o organismo provincial sacou a licitación pública as obras do tres tramos correspondentes a estes municipios (todos excepto Santiago), que suporán un investimento de 1.930.374 euros.

As obras, que comezarán en 2021, pretenden converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bicicleta "que terá uha importante repercusión turística e socioeconómica para estes concellos?, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Firma do convenio entre Abanca e a Deputación da Coruña.. ABANCA
Firma do convenio entre Abanca e a Deputación da Coruña.. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta