Ampliada ata o 31 de decembro a renovación automática da demanda de emprego

Para garantir un adecuado control de aforamento e de acceso e organizar de forma idónea os servizos á cidadanía, a atención presencial segue realizándose exclusivamente a través do sistema de cita previa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2020 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Xunta ampliou ata o próximo 31 de decembro a renovación automática da demanda de emprego, co obxectivo de evitar á cidadanía desprazamentos innecesarios en consonancia coas medidas de prevención da covid-19.

As 54 oficinas de emprego dependentes da Administración autonómica, lembrou a Xunta, están abertas desde o pasado 1 de xullo, despois de implementar un plan de continxencia específico contra os contagios por coronavirus, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), que supuxo un investimento de máis duns 1,1 millóns de euros.

Para garantir un adecuado control de aforamento e de acceso e organizar de forma idónea os servizos á cidadanía, a atención presencial segue realizándose exclusivamente a través do sistema de cita previa. Deste xeito, pode solicitarse con 24 horas de antelación e por calquera persoa interesada a través do Portal de Emprego Galicia ou do servizo de atención telefónica 012.

No mesmo sentido, a Consellería de Emprego, a través do Servizo Público de Emprego da Xunta fomenta os servizos non presenciais a través da oficina virtual do Portal de Emprego e da aplicación para teléfonos móbiles Mobem. Estes servizos permiten, entre outros, obter informes sobre a demanda de emprego con firma dixital, a solicitude de cursos de formación e a adscrición a ofertas de emprego. Nas seguintes semanas porase en marcha, ademais, unha nova oficina virtual para empresas.

Así mesmo, e co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, a Xunta está a desenvolver un programa específico de tutorización dixital básica para persoas demandantes, destinado a orientalas no uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa empregabilidade e o seu proceso de busca de emprego.

Un home espera na porta dunha oficina de emprego. Marta Fernández - Europa Press
Un home espera na porta dunha oficina de emprego. Marta Fernández - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta