Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 22:00
As mobilizacións das persoas xubiladas en todo o Estado están chamando a atención sobre unha situación que o actual goberno de Pedro Sánchez tiña como obxectivo, incrementar a contía das pensións de acordo co aumento do IPC. Ademais das dificultades polas que atravesaban as negociacións para uns orzamentos novos (ata o de agora están prorrogados os últimos do ministro Montoro baixo goberno de Rajoy), con tirapuxas entre as forzas políticas e a reforma das pensións pendente desde 2018, engadimos agora a situación sociosanitaria coa COVID. As medidas económicas, sociais e sanitarias excepcionais para esta época “botaron un manto” sobre as reivindicacións do colectivo de pensionistas.
PENSIÓNS E AXUDAS EUROPEAS
Gonzalo Balo, secretario do Movemento Galego Pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), estima que agora mesmo as negociacións sobre o modelo de pensións están monopolizadas polo Pacto de Toledo “un organismo que non se sabe ben que é, un órgano escurantista do que o Goberno acepta ou non as medidas propostas”. Gonzalo Balo cre que a partir das reformas laborais de 2011 e 2012, o que se busca é articular un sistema metade privado, metade público para a xestión das pensións. “Hai dous grandes sindicatos que están nese Pacto de Toledo, CCOO e UGT que coxestionan plans privados de pensións” que para Balo terían que ir parar á caixa pública das pensións.
Preguntado sobre se os fondos de axuda solicitados á UE poderán aliviar o problema coas pensións, o secretario de MODEPEN insiste en que “temo que detrás exista un motivo máis para seguir precarizando o sistema de pensións”. En definitiva, existe un temor grande ao esquecemento dos pensionistas e os seus ingresos e das persoas que peor o están pasando.
“A curto prazo as axudas non van solventar algúns problemas, mais por primeira vez na historia, o Goberno tivo que afrontar unha crise sanitaria con medidas como ERTES ou axudas a autónomos” como sinala Victoria Portas, experta en Seguridade Social. Con todo, Victoria Portas cre que de momento “a presión social pode frear que toquen a caixa da Seguridade Social e a das Pensións”.
Manuel Alfonsín, membro de MODEPEN cre que polo de agora non haberá movementos encamiñados a tocar as pensións, “moita xente non vai transixir que se faga algo así”. Manuel Alfonsín lembra que en Galicia as pensións son das máis baixas do Estado por estaren ligadas a PEMES, pequenas industrias e un amplo sector de autónomos. “Diso derivan cotizacións pequenas que logo se traducen en pensións baixas”, de aí que para Manuel, se tire da idea de estender a idade de xubilación.
CRISE SANITARIA SOBRE XUBILADOS
“Estamos diante dunha crise sanitaria que nada ten que ver coa burbulla inmobiliaria e ademais, tampouco o Estado pode vender débeda pública” sinala Victoria Portas. O que si pode frear esta crise e evitar un desgaste sobre as pensións sería “asumir que isto é responsabilidade de todos” e por tanto, así durará máis ou menos a situación que vivimos. Portas sinala tamén que a COVID obrigou a experimentar sistemas de produción, traballo e educación que non se exploraran con anterioridade.
Un deses “experimentos” foi o teletraballo “un sistema implantando sen normas previas” ata que o pasado 22 de setembro apareceu a primeira lexislación relacionada con este punto. Mais sería necesario regular a teleasistencia coas pensións? “Moitas persoas con pensións non contributivas por exemplo, para poder axilizar os cobros” non teñen o acceso necesario ás webs que lles poderían tramitar os cobros. Por outra parte, tamén en atención sanitaria, os pensionistas fan fronte á demora en atención médica, pois a atención telefónica non lles pode resolver un problema sanitario de urxencia.
Isto último agrava a situación dos pensionistas con prestacións baixas por teren que facer gasto extra en desprazamentos sobre todo se vive no rural, por exemplo. “Teñen que acabar as dinámicas que diferencian tanto a unhas provincias de outras, como por exemplo Ourense, cunha das poboacións xubiladas máis elevadas do Estado” di Portas.
A COVID colocou a situación das pensións nun estado de latencia en parte debido á propia dinámica social motivada polos confinamentos e limitacións en movementos. Mais tamén porque agora mesmo o Goberno priorizou outras medidas, esquecendo ou adiando a equiparación das pensións co IPC. Tampouco se presentou unha solución unánime a problemas como a asistencia telemática para axilizar prestacións ou a atención a persoas maiores con dificultades de mobilidade.
Algúns analistas consultados cren que “os que nos xubilemos en 20 anos teremos pensións con contías moi baixas en comparación cos nosos pais”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.