O PSdeG urxe á Xunta información detallada dos focos de contaxios "masivos e abruptos" en Ourense

Os socialistas denuncian "fallos" no rastrexo e "atrasos de ata cinco días" nas PCR do persoal da residencia de Pereiro de Aguiar.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/10/2020 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE de Ourense urxe información detallada á Xunta ante os focos que provocan contaxios "masivos e abruptos" na provincia, que nos últimos días converteuse no epicentro da pandemia do coronavirus en Galicia.

Veciños de Ourense camiñan por unha das rúas do barrio do Couto
Veciños de Ourense camiñan por unha das rúas do barrio do Couto | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Os deputados socialistas no Parlamento galego Mariña Ortega, Juan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez Dacosta denuncian que o Goberno galego carece dun "plan de acción claro e con parámetros obxectivos" para as residencias de maiores.

Ademais, o PSdeG-PSOE critica a "incomparecencia" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante esta segunda onda cando "ten agora a responsabilidade última das medidas de prevención e contención".

"Está a exporse á poboación da provincia de Ourense a un risco innecesario", insistiron os deputados socialistas, que ven "incomprensible" que ocorra agora "o mesmo que en marzo, abril e maio". "Durante o verán tiveron tempo suficiente tempo para reforzar medios materiais, humanos e protocolos", engaden.

Por isto mesmo, o PSOE ourensán pregunta ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo "onde investiu" os fondos transferidos desde o Estado. Ao seu modo de ver, non houbo "nin anticipación durante o verán" nin "eficacia agora".

O "ESCAPISMO" DA XUNTA

No ámbito concreto das residencias, á vista dos grandes focos de COVID-19 detectados nos últimos días --máis de 180 contaxios nun centro de Pereiro de Aguiar--, os socialistas instan á Xunta a "deixar de xogar ao escapismo" para que aclare "cales son os protocolos e os medios" que seguen nos xeriátricos.

Non en balde, reclaman "maior transparencia" e denuncian que o PP "se negou a investigar" o sucedido durante a pandemia nas residencias a través dunha comisión específica que solicitaron de forma unánime os dous partidos da oposición (BNG e PSdeG-PSOE).

Os socialistas tamén urxen a coñecer os criterios á hora de realizar probas PCR na área sanitaria de Ourense despois de que os traballadores da residencia Os Gozos, en Pereiro, denunciasen "atrasos de ata cinco días" para coñecer os resultados, á vez que critican os "fallos" no sistema de rastrexo, posto que "moitos ourensáns non reciben a chamada" tras manter contacto cun positivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta