O Parlamento abrirá novamente a comisión de investigación das caixas galegas tras oito anos sen ditame

A iniciativa chega despois de que a Audiencia Nacional confirmar que a fusión foi provocada pola situación económico-financeira de Caixa Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2020 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia volverá contar cunha comisión de investigación da fusión das caixas galegas --Caixanova e Caixa Galicia-- e a súa posterior bancarización, máis de oito anos despois de que se abrise por primeira vez na Cámara autonómica.

Tanto PPdeG como BNG incluíron na orde do día senllas peticións concretas sobre esta cuestión, pero xa negocian, tamén co PSdeG, un acordo para abrir este órgano de investigación parlamentaria co consenso de todas as forzas políticas. A idea é, ademais, aproveitar os traballos realizados, que acabaron sen un ditame da Cámara.

No escenario dunha comisión de investigación, que os tres grupos teñen intención de facer por consenso, a oposición advirte de que, en primeiro lugar, a Xunta "ten" que entregar a documentación que aínda non se enviou no seu día.

Esta comisión chegará, de confirmarse como é intención, despois de que se coñeceu un auto da Audiencia Nacional no que se sostén, sobre a intervención do FROB relativa ás caixas de aforro galegas, que "a única razón" pola que tivo que actuar "foi pola situación económico-financeira na que se atopaba, en 2010, Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión".

Nese mesmo auto engádese que "Caixanova nunca sería intervida se non se vira obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a NovaCaixaGalicia".

Xunta de Portavoces do 13 de outubro de 2020 na que se abordou a posibilidade de reabrir a comisión das caixas galegas para investigar o ocorrido
Xunta de Portavoces do 13 de outubro de 2020 na que se abordou a posibilidade de reabrir a comisión das caixas galegas para investigar o ocorrido | Fonte: Europa Press

TERCEIRA VEZ

Será a terceira vez que se abre esta comisión no Parlamento de Galicia, despois de que en 2012 arrincasen os traballos que nunca concluíron nun ditame. Pechada a lexislatura, en 2017 reactiváronse os traballos, pero tampouco houbo ditame que pechase este capítulo económico en Galicia.

A comisión de investigación reuniuse o 23 de marzo de 2017 para aprobar o plan de traballo e o 13 de xullo dese ano modificouse, sendo a última reunión deste organismo en toda a lexislatura pasada.

Na rolda de prensa posterior á reunión dos portavoces, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que hai vontade de chegar a un "acordo xeral para a posta en marcha dunha comisión que retome os traballos" da pasada lexislatura.

Para a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, é necesario "esclarecer que ocorreu no proceso de fusión e bancarización" da entidade financeira que supuxo "unhas enormes perdas sociais". Así, mostrou a "vontade de levar adiante esta comisión de investigación, coa vontade moi firme de que culminen os traballos".

Pola súa banda, o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, expresou a boa vontade de todos os grupos para alcanzar un acordo conxunto e avanzou que, en todo caso, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, preguntará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola valoración do auto da Audiencia Nacional acerca de que "Caixanova nunca fose intervida se non fose obrigada a fusionarse".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Un home que rematou na cárcel coma Gayoso mentras o maniobreiro de Méndez saíu libre de polvo e palla e segue a facer negocios coa enerxía en Galicia ciciais debera ter unha desculpa pública (polo acontecido) Non estou seguro pero a máis da condea devolveu os cartos das "indemnizacións cobradas indebidamente" (?) Neste asunto debo recoñecer públicamente a posición de Abel Caballero (sen que isto sente precedente algún!) https://twitter.com/00Gamela/status...