O acusado de degolar á súa muller na Coruña en 2018: "Se non lle axudaba eu, ía facer unha burrada"

Un dos fillos da vítima denuncia que o home maltratou psicoloxicamente á súa nai "toda a vida" e que a "afundiu"

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/10/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O acusado de degolar á súa muller na Coruña en 2018, R.S.X., mantivo na segunda sesión do xuízo na Audiencia Provincial que fixo "o que ela quería que fixese". "Ela quería deixar de vivir si ou si. Eu non quería que morrese", defendeu a preguntas do seu avogado e da fiscal, aos que sostivo que a vítima "me puxo entre o eixo e a roda".

"Non me arrepinto de facer o que ela quería. Eu sei que é o que ela quería", insistiu o procesado, para o que a fiscal solicita 25 anos de cárcere e a acusación particular e a da Xunta, prisión permanente revisable. Pola súa banda, a defensa alega que os feitos constitúen un suicidio asistido, polo que pide unha pena de entre seis e dez anos.

"Se non lle axudaba eu, ía facer unha burrada", engadiu o home, que asumiu que lle dixo que se suicidaría con ela "para ver se llo quitaba da cabeza". "Quedaramos en que ela quería que lle axudase a que lle cortase o pescozo", apuntou, aínda que negou ver que medicación tomou o día dos feitos. "Non estaba sedada", apostilou.

Durante o interrogatorio da fiscal, afirmou que ela mesma puxo o plástico do tendal sobre a cama do domicilio de ambos onde apareceu morta e que lle dixo: "Eu quérome ir xa". Segundo R.S.X., ela non estaba durmida, como sostén o Ministerio Fiscal, e, ao contrario, estaba "serena". "Axúdame dunha vez, cariño", rememorou, para engadir que ela mesma tiña as súas mans sobre as del, que portaban o coitelo que lle cortou a iugular.

A preguntas do seu defensa, o home rompeu a chorar cando lembrou como sucederon os feitos e como ela "me dixo que me quería". Cando ela morreu, afirmou, estivo "a chorar e maldicindo" pola casa, antes de saír. "Amábaa con tolemia, era a miña vida", dixo entre saloucos.

INTENTO DE SUICIDIO

Segundo a súa declaración, a muller tentara suicidarse ata en tres ocasiones. A última vez, o día 11 de xullo, unha semana antes da súa morte. O home recoñeceu que os médicos do hospital de Oza dixéronlle que a súa muller tiña unha "grave depresión" e que lle aconsellaron que quedase ingresada. "Se ela non quere, non vai haber maneira", alegou el para que a vítima volvese a casa e lembrou que se comprometeu a que tomase a medicación e a vixiala.

Xuízo
Xuízo | Fonte: EP

En cambio, o fillo da vítima, que é testemuña no xuízo, denunciou ante os medios de comunicación que o home "afundiu á miña nai e á miña familia". "Ten mal beber e é infiel, un maltratador e un asasino", proclamou.

Segundo el, o acusado maltratou psicoloxicamente á súa nai "toda a vida" e afirma que se inventou que ambos tiñan unha enfermidade terminal e así llo dixo sete meses antes da morte da súa nai. "Ninguén no seu san xuízo córtalle o pescozo a unha persoa", reprochou o fillo da vítima, que engadiu que desde que a muller o coñeceu "foi costa abaixo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta