Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 21:35
Quedan apenas dúas semanas para a celebración dunha das galas máis importantes das novas tecnoloxías galegas e xa está confirmada a asistencia dun dos grandes cerebros das TICs no país. A padronesa Sabela Ramos (1986) acudirá á chamada "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que terá lugar o vindeiro 30 deste mes de outubro en Santiago de Compostela.
Ramos acudirá á celebración, que vai pola duodécima entrega, en calidade de premiada. E é que no Hotel Porta do Camiño -onde terá lugar a xornada nocturna- agarda por ela un dos maiores recoñecementos á enxeñaría informática no marco de Galicia: o Premio Ada Byron; que leva o nome dunha recoñecida matemática británica que xa no século XIX foi pioneira en definir as fronteiras da informática e a computación.
A historia de Byron resulta significativa porque, en certo modo, tamén a traxectoria de Ramos se sitúa na innovación do eido da informática. A enxeñeira galega exerce actualmente no departamento de Google Research en Zürich, logo de pasar pola Escola Politécnica Federal da mesma cidade -onde curso un posdoutorado- e exercer como investigadora na Universidade da Coruña, a súa alma máter.
Acompañando á homenaxeada atoparanse as empresas "máis destacadas" do sector TIC en Galicia. Darán forma así a unha gala que, pola situación sanitaria, contará cunha versión online. O que queda igual é a homenaxe á carreira de Ramos, que se confesa unha amante da informática dende os primeiros días. Según ela, trátase dun “campo moi amplo no que sempre atopas problemas novos que aínda non teñen solución", unha situación que a obriga a "estar continuamente aprendendo”.
DA INVESTIGACIÓN Á INDUSTRIA
Cando comezou o seu doutoramento na UDC, Sabela Ramos tiña pensado dedicarse á investigación para seguir buscando problemas sen resolver. Pero mentres cursaba unha bolsa posdoutoral en Zürich deuse conta de que a súa investigación estaba "moi afastada" das aplicacións reais e, aínda que cre firmemente no valor da investigación, apostou por traballar en algo que tivese un impacto máis directo na vida real.
Aí foi onde deu o salto á industria. Actualmente, e despois de tres anos traballando en YouTube, volveuse a achegar á investigación nun equipo de infraestrutura de Google Research, onde as súas funcións lle permiten a outros investigadores avanzar en campos como o Reinforcement Learning, unha rama do Machine Learning que estuda como aprender a tomar secuencias de decisións en contornos complexos e que se utilizou con éxito en robótica e en xogos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.