A Xunta defende manter abertas as casas de apostas porque "non hai paralelismo" co ocio nocturno

A oposición alerta de que os locais de xogo "se están a converter nos after" da pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, xustificou este xoves que o sector do xogo non se inclúa no peche decretado para o lecer nocturno para frear os contagios de covid-19 explicando que "a súa actividade non ten paralelismo co lecer nocturno", se non que propicia mellor o cumprimento das medidas de protección.

Así o dixo nunha comparecencia na Comisión de Sanidade para responder a unha pregunta formulada polo deputado socialista Xullo Torrado, que chamou a atención sobre a "circunstancia anómala" e "non desexable" de que, "mentres que existen restricións para os locais de lecer", se permita a actividade dos de xogo.

Na súa intervención, Xullo Torrado considerou isto unha "brecha" que favorece a un tipo de locais que "non teñen unha regulación tan específica e tan restritiva como os locais de lecer", pero que "se están convertendo" nos "after da pandemia", atraendo ás persoas que acudían antes ao lecer nocturno.

Con todo, Santiago Villanueva asegurou que a actividade do sector do xogo "non ten paralelismo" coa do lecer nocturno. "O fundamental e o que xustifica o peche non é o horario no que desenvolven a actividade, senón a actividade propiamente dita", indicou. Con iso, Villanueva apuntou que os locais de lecer nocturno, que, segundo os expertos, son orixe dun número importante de brotes, fomentan a "interacción entre os usuarios", con "imposibilidade de manter a distancia de seguridade".

Con todo, nos establecementos de xogo "non se produce unha interacción entre clientes", que moitas veces xogan de forma individual, e é máis factible "usar medidas de protección e manter a distancia de seguridade".

UN "ESTRITO CONTROL"

Do mesmo xeito, Villanueva garantiu que "existe un estrito control de entradas" e de rexistro dos usuarios. "O sector do xogo é un dos máis regulados e controlados da actividade económica", dixo o director xeral, que cifrou en case 6.000 inspeccións e 50 denuncias as realizadas durante o pasado ano.

Para finalizar, Santiago Villanueva lembrou que parte do sector do xogo depende do Goberno estatal, que non o incluíu entre as medidas de peche do lecer nocturno, e que a intención da Xunta neste ámbito é tomar "medidas cirúrxicas" e "non xeneralistas" para "non paralizar a economía" na medida do posible.

Máquinas Comecartos Nun Salón De Xogos.. EUROPA PRESS - Arquivo
Máquinas Comecartos Nun Salón De Xogos.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta