Temas: LECER CRISE XUNTA

Cinco millóns de euros para salvar o sector do ocio nocturno en Galicia

O presidente da Xunta avanza un paquete de medidas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que se porá en marcha un paquete de medidas por case 5 millóns de euros para apoiar ao sector do ocio nocturno ante a pandemia.

Interior dunha discoteca.
Interior dunha discoteca.

En primeiro lugar, Feijóo referiuse á convocatoria dunha liña de axudas por valor de 2,2 millóns de euros, para sufragar os gastos de aluguer dos establecementos que se atopen pechados desde o 15 de agosto a consecuencia da decisión tomada polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas.

Así mesmo, o contrato de aluguer terá que estar en vigor desde o mes de xaneiro de 2020 e seguir vixente durante o ano posterior á data en que se permita a reapertura.

Feijóo tamén destacou a convocatoria de axudas por 600.000 euros para os establecementos habilitados como salas de concertos, salas de espectáculos ou café concerto, que no pasado 2019 levasen a cabo un mínimo de 15 concertos.

O importe do proxecto presentado deberá ser superior aos 25.000 euros e subvencionarase ata o 80% dos gastos. "E faremos un anticipo de forma inmediata, anticipo que poden utilizar no momento en que se reabra o lecer nocturno", recalcou.

Ademais, habilitarase unha liña de axudas para o mantemento do emprego neste sector por 2 millóns de euros, aos que se sumarán nas próximas semanas outras iniciativas para facer fronte á covid-19.

A cuarta medida deste paquete consistirá en "préstamos para o financiamento do capital de explotación a un tipo de interese do 0,2 con tres anos de carencia".

Para concluír, o presidente da Xunta incidiu en que o obxectivo é "paliar a baixada absoluta, ingresos cero, de todo este sector económico de lecer que supón, sen ningunha dúbida, unha parte importante en empregos en Galicia".

Temas: LECER CRISE XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta