Temas: IMAXE

Damián Ucieda. Polaroids

Jorge Varela, Ángel Calvo Ulloa e Miguel Calvo Ulloa forman Os Tres, equipo comisarial do Espazo Miramemira que acaba de inaugurar a súa primeira exposición, “Damián Ucieda – Polaroids”. Artigo de Ana González Chouciño.

Por GC Tendencias | Edimburgo | 28/04/2013 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Esta semana non podo falar de Edimburgo porque esta semana non existiu. Pecheime na casa para escribir as últimas 7000 palabras deste curso, 4000 delas, as máis intensas, sobre Vija Celmins, que debuxaba a area do deserto, constelacións e ondas de maneira obsesiva, ata que o significado se esvaecía, ou aparecía por primeira vez. Non podo evitar convertir cada essay nunha cantarse, da igual o ben ou o mal que escriba, non se trata diso, senón de que poñerme diante do ordenador vóltase ás veces un acto de masoquismo no que cada frase fai unha pequena ferida, todavía máis cando escribo en inglés, e as palabras parecen recén inventadas. Supoño que tamén se trata dunha excusa para pecharme no meu mundo durante días. Adquiro permiso para pasarme as horas en pixama, para quedarme embobada mirando o teito e para dicir máis sensentidos dos habituais sen que pareza demasiado grave.

Damián Ucieda. Polaroids
Damián Ucieda. Polaroids

Pero o resto do mundo non desaparece por completo. Seino porque a fiestra do salón da á rúa. Aí montei a miña “oficina”, e despois dunha semana, xa vos podo falar dos meus veciños. Xusto en frente, intúese un sillón onde un home duns 60 anos pasa os días. Lendo, ou vendo a tele, ás veces acércase ao cristal, pode que para asegurarse, coma min, de que o mundo sigue aí. No edificio do lado, un pouco máis arriba, vive unha parella. Ela loira e guapa, el moreno, posiblemente español (é tan doado recoñecernos...). Véxoos cada vez que se aproximan á fiestra, quizáis porque o sol de Edimburgo só da calor a través dos cristais. 

Aínda que menos que habitualmente, internet seguíame conectando co exterior, e como me pasa moitas veces, esta semana souben máis de Santiago que dun Edimburgo que xa fai que me aburre. Foi así como me enterei de que abriran un novo espazo na rúa do Home Santo. Sabemos que Santiago é pequeno así que estaba segura de que tiña que coñecer aos responsables. Así foi, Jorge Varela, Ángel Calvo Ulloa e Miguel Calvo Ulloa forman Os Tres, equipo comisarial do Espazo Miramemira. Trátase dun local de dúas plantas pertencentes a unha productora audiovisual co mesmo nome; na primeira traballa esta empresa, e na planta baixa inaugurouse estes días un espacio expositivo. 

A primeira exposición, “Damián Ucieda – Polaroids”, ata o 31 de maio. Mirei a súa páxina web e decateime de que xa coñecía aquelas fotos, pero algunhas eran moito máis familiares do que lembraba. Recoñecín a miña cidade de noite, pero tamén aquel bus con chimeneas de fondo que só podían existir en Edimburgo. Damián Ucieda naceu na Coruña e estudiou no Edinburgh Collage of Art. Sempre me gustaron as coincidencias.

As imaxes de Ucieda incomodan. Afíxonos a grandes formatos, a personaxes en tensión en situacións incertas que parecen saidos dunha película de David Lynch. A súa técnica, impecable, fai que se desdebuxen todavía máis as fronteiras entre o real e o ficticio. Escenografías perfectas, posibles pero irreais, con actores que insinúan un guión perturbador que non podemos máis que inventar, porque quizáis nin sequera exista. As fotografías empezan e acaban en si mesmas, ou iso creiamos antes desta exposición.

Damián Ucieda. Polaroids
Damián Ucieda. Polaroids

Esta mostra está feita con polaroids que mostran instantes previos á fotografía final. Ábrese unha brecha na obra de Ucieda,  dándonos a coñecer ese segundo antes da única toma elexida, un momento imperfecto, tan válido e suxerente como a obra definitiva,  que nos desvela mecanismos de creación ata agora invisibles. 

http://www.damianucieda.com

http://espazomiramemira.com

Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta