Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2020 | Actualizada ás 20:28
O PPdeG rexeitou unha moción do PSdeG --apoiada polo Bloque-- no pleno do Parlamento galego que presentaba unha batería de medidas contra os incendios, entre as que se atopaba un plan de recuperación de actividade agraria e contra o despoboamento na provincia de Ourense.
Na súa intervención, o deputado socialista Martín Seco reclamou aos populares que "se deixen de tanta propaganda" e aposten polo "cambio de políticas". "Ano tras ano arden os mesmo lugares en Ourense, non podemos resignarnos a que isto sexa así", queixouse.
A iniciativa socialista tamén pedía mellorar a coordinación dos medios de extinción, levar a cabo traballos de prevención de incendios antes de xullo e mellorar os servizos de investigación, entre outras.
Seco referiuse tamén a unha recente entrevista do conselleiro de Medio Rural, José González, na que comprometía unha nova lei de incendios "acordada" en 2021.
Respecto diso, o deputado socialista afeoulle "incumprir" o ditame da comisión de incendios, que fixaba que se debía "refundir" toda a normativa sobre lumes antes de xaneiro de 2019. Así, preguntouse de que servirá esa "lei marabillosa" se "non cumpren as leis" e "non pon orde ao monte".
Así mesmo, require que aposten por "verdadeiras políticas de mobilización de terras" e que "se deixen de tantos escaparates" e "aldeas modelo".
Ademais, Seco espetoulle aos populares: "Vostedes son para as políticas forestais deste país o mesmo que Ana de Bande para as políticas de igualdade".
POSTURA DE BNG E PP
A continuación, a deputada do BNG María González Albert queixouse de que a Xunta marcase para esta campaña o obxectivo de que ardan unhas 17.000 hectáreas, porque é o "recoñecemento explícito dun fracaso". Ademais, critica que "o PP parece dar por perdida a provincia de Ourense".
González Albert censura que o sistema contraincendios da Xunta "fai augas por todas partes", mentres reprocha que "agora o conselleiro vén de descubrir que crear descontinuidades" vai arranxar " todos os problemas", pero pregúntase "quen vai atender esas descontinuidades sen habitantes".
En cambio, José Armada (PP) defendeu a negativa do seu grupo a esta moción por considerar as medidas do PSdeG como "incongruentes", á vez que defendeu que a Xunta puxo en marcha peticións que se inclúen. Pon de exemplo a futura lei de recuperación de terras.
Sobre as palabras de Seco acerca da popular Ana Vázquez Branco, Armada replicou que "o compromiso coa igualdade" do PSOE demóstrao "" ao manter a Pablo Iglesias como vicepresidente con "un agravante por compoñente de xénero" no caso Dina.
REXEITAMENTO A QUE A CULTURA SEXA BEN DE PRIMEIRA NECESIDADE
Noutra orde de cousas, os populares tamén votaron en contra dunha moción do PSdeG --que contou co respaldo do Bloque-- cunha batería de medidas para reactivar ao sector cultural.
O PSOE demandaba declarar a cultura como ben de primeira necesidade, incrementar o gasto público en 2021, presentar un plan plurianual de reactivación, crear unha mesa diálogo permanente, así como establecer protocolos "claros e inequívocos".
A deputada socialista Noa Díaz tachou de "insuficiente" o plan presentado en abril polo Goberno galego, polo que demanda un "balón de osíxeno" para o sector no canto de fixalo todo a un Xacobeo "incerto".
Por iso, Díaz empraza a "aproveitar a crise para un cambio de paradigma de modelo", pois censura que "falta estratexia" por parte da Xunta.
A deputada do BNG Mercedes Queixas chamou a "definir por fin outra política cultural", á vez que alertou do "gran impacto negativo" no sector galego da pandemia. Así, defende que "sobran as razóns" para reclamar que a cultura sexa un ben de primeira necesidade.
En contraposición, José Luís Ferro (PPdeG) defendeu o plan "complexo e ambicioso" de reactivación cultural posto en marchar pola Xunta. "Seguro que ten algúns erros que podemos mellorar entre todos", dixo, e mostrouse "aberto" a "escoitar aos profesionais" para a súa mellora.
"Non se que teima teñen vostedes co Xacobeo, non entendo por que di que as medidas do plan non deben pivotar ao redor do Xacobeo", replicou Ferro a Díaz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.