Condenan a once anos de cárcere a un home por abusar da súa filla de sete anos

Condenado tamén a 5 anos de cárcere un profesor de taekwondo de Vigo por abusar sexualmente dunha alumna.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/10/2020 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de once anos de cárcere que a Audiencia Provincial da Coruña impúxolle a un pai por abusar sexualmente da súa filla, que no momento dos feitos tiña sete anos, segundo informa o alto tribunal galego.

Os maxistrados, que desestiman o recurso de apelación interposto polo acusado, indican na resolución que as declaracións dos responsables de equipos, programas e facultativos "deixan claro que a versión da menor é consecuente, coherente e persistente".

O alto tribunal galego subliña que non existen elementos que cuestionen a versión da nena e descarta a existencia de móbiles espurios. O home, segundo a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, cometeu os feitos en 2014 no domicilio no que vivían no municipio coruñés de Carballo en distintos momentos e "sen que poida determinarse o número de veces que ocorreu".

Acusado nun xuízo por suposto abuso sexual
Acusado nun xuízo por suposto abuso sexual | Fonte: PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

PROFESOR DE TAEKONDO

Por outra banda, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 5 anos de prisión a José C., profesor de taekwondo nun club da cidade olívica, por un delito continuado de abusos sexuais a unha das súas alumnas, de 15 anos de idade.

Segundo a sentenza, o tribunal considerou probado que, en novembro de 2018, o acusado convocou á alumna a unhas "clases especiais" que terían lugar no seu domicilio, co pretexto de que debía mellorar a súa "expresividade", para progresar na disciplina de taekwondo acrobático.

Nesas clases, o profesor realizou tocamentos á nena nos peitos e na zona xenital, pediulle que se sacase o suxeitador e fíxolle preguntas de índole sexual, sobre as súas relacións con mozos ou sobre se se masturbaba. Todo iso a pesar de que a menor lle dixo que se sentía incómoda e nerviosa.

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño da vítima, e rexeitaron que actuase con ánimo de prexudicar ao acusado ou por animadversión. De feito, sinalan que a relación da nena e a súa familia con José C. era boa, e que a propia vítima mantivo a súa versión dos feitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta