A Xunta sinala a falta de acordo na Fegamp como impedimento para canalizar o fondo de cooperación local

O debate da interpelación derivou nunha lea entre o vicepresidente autonómico e o deputado do BNG a conta da suposta "discriminación" que fan os gobernos da Xunta e das deputacións en función da cor de cada concello á hora de entregar subveciones.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2020 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, responsabilizou á falta de acordo na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) de que o fondo de cooperación local non sirva como ferramenta para canalizar as subvecións autonómicas ás entidades locais.

Díxoo en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada polo deputado do BNG Luís Bará durante o pleno ordinario que este mércores continúa no Pazo do Hórreo.

Alí, Alfonso Rueda incidiu en que a Xunta de Galicia está de acordo en que o fondo de cooperación local asuma estas subvencións pero que non foi posible pór en práctica esta medida pola disparidade de criterio no seo da Fegamp.

Neste sentido, o 'número dous' do Goberno galego sinalou que, ao longo dos últimos anos "con catro presidentes na Fegamp, dous do PP e dous do PSOE", "nunca foi posible determinar cales" eran as partidas a asumir polo fondo e que aí radica a razón de que non se puxo en funcionamento.

"Sempre había uns que dicían que si e outros que non", aseverou Rueda, que mostrou a súa disposición a facer que esta medida chegue a efectivizarse da man da actual xunta directiva da Fegamp, presidida polo alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto García.

LEA POLAS SUBVENCIÓNS

O debate da interpelación derivou nunha lea entre o vicepresidente autonómico e o deputado do BNG a conta da suposta "discriminación" que fan os gobernos da Xunta e das deputacións en función da cor de cada concello á hora de entregar subvecións.

Bará sinalou que a Consellería de Medio Ambiente "lidera o ranking" de "os convenios a dedo" que, di, asina a Xunta cos concellos gobernados co PP, algo que, como incidiu, tamén sucede na provincia de Ourense coa Deputación provincial que preside José Manuel Baltar.

Como exemplo apuntou "a dous concellos que terminan en -iz", como son Allariz e Guitiriz, que teñen "practicamente a mesma poboación" pero o primeiro recibe "nove veces menos" que o segundo porque a Deputación de Lugo, segundo Bará, realiza unha repartición "moito máis equitativa".

Fronte a iso, Alfonso Rueda lembrou que nos anos "do bipartito" na Xunta a disparidade entre o que recibían os concellos do PP e o resto era "moito maior" e que, na actualidade, a Deputación de Pontevedra "castiga" aos municipios rexidos polos populares "para que aprendan como teñen que ser as cousas".

Roda no Parlamento. XUNTA - Arquivo
Roda no Parlamento. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

APOIO A ENTIDADES DEPORTIVAS

A Cámara galega, co apoio de todos os grupos políticos (PPdeG, BNG e PSdeG), aprobaron unha iniciativa que demanda ao Goberno autonómico a establecer unha liña de apoio económico ás entidades deportivas para a súa adaptación ás esixencias que marcan os protocolos sanitarios derivados da pandemia.

O pleno que acolle este mércores o Parlamento de Galicia deu luz verde a unha iniciativa transaccionada polo tres grupos que modificou unha proposición non de lei rexistrada polo Grupo Socialista relativa á continuación da actividade no deporte federado non profesional de Galicia.

O texto finalmente foi modificado para centrarse en reclamar tanto á Administración autonómica como á central --en concreto ao Consello Superior de Deportes-- que desenvolvan mecanismos para apoiar economicamente aos clubs e entidades deportivas non profesionais.

O encargado de defender a iniciativa debatida foi o deputado socialista Juan Carlos Francisco Rivera, que puxo o acento en que os clubs non profesionais de Galicia deben facer fronte a un protocolo elaborado pola Xunta que establece medidas "demasiado esixentes" para que poidan asumilas.

Como exemplo diso, sinalou que as entidades deportivas carecen de medios económicos para facer fronte a probas e ao seu seguimento, polo que considera que deben ser as administracións quen acheguen economicamente para que estas medidas leven a cabo.

Por parte do PP, a encargada de defender a postura do grupo foi a deputada Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF e á que socialistas e nacionalistas desexaron que "pronto" o seu club chegue ás categorías profesionais do fútbol español.

Murillo incidiu en que a Xunta "xa fixo o traballo" que lle correspondía e que agora eera a quenda de que cada federación realice os seus propios protocolos con base nas directrices que marca a Administración autonómica.

Por último, Daniel Castro (BNG) lembrou na súa intervención que, ademais de cumprir unha función social e de entretemento, o deporte non profesional tamén ten impacto "en termos económicos" e que, nestes momentos, "moitos traballos" que dependen destas organizacións deportivas "penden dun fío porque non teñen os fondos necesarios para empezar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta