Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2020 | Actualizada ás 20:42
A Consellería de Sanidade notificou este xoves 9 falecidos vinculados coa pandemia de covid-19 en Galicia, tres deles relacionados con residencias de anciáns, co que xa son 856 as vítimas mortais na comunidade.
En concreto, os falecidos son un home de 95 anos e outro de 71 que se atopaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; así como unha muller de 60 anos falecida no Complexo Hospitalario de Pontevedra.
No Hospital de Ourense, pola súa banda, producíronse cinco mortes: a de catro homes de 92, 81, 80 e 76 anos e a dunha muller de 87, mentres que na Clínica Santa Teresa de Ourense faleceu un home de 92 anos.
Tanto esta última vítima como unha das do CHUO procedían da residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, mentres que outro dos falecidos no Hospital de Ourense estaba vinculado á Virxen Branca de Ourense.
Así as cousas, a cifra total de falecidos desde o comezo da 'nova normalidade' ascende a 237 en Galicia. A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, a Comunidade galega encadeara case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen decesos relacionados co coronavirus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.