Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 20:04
Os transportistas que durante os últimos anos abasteceron de carbón a central térmica que Endesa ten nas Pontes de García Rodríguez protagonizaron este luns, por quinto día consecutivo, un bloqueo das saídas deste complexo industrial.
O obxectivo desta acción de protesta é evitar que se retiren dúas bombas que estaban destinadas aos grupos 3 e 4 pero que non se chegaron a instalar porque, cando a empresa solicitou o peche da planta, quedaron sen executar as obras da desulfuradora.
O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, criticou, a decisión de Endesa de paralizar as probas con biocombutibles e a súa intención de culpar diso aos transportistas.
"A xente vaino coller por onde é, xa que tratan de culpabilizarnos e de botarnos o pobo enriba. Pero que non se preocupen, que nós imos seguir. Endesa tería que negociar en lugar de desafiar", aseverou.
O representante do colectivo de transportistas incidiu en que están "dispostos a negociar cando queiran e onde queiran, para chegar a acordos". Ademais, quixo deixar claro que estas protestas non tiveron cortados "os accesos á central e ciclo combinado", senón "a saída das pezas que queren levar para Italia".
"Endesa ten que ter outra categoría, non pode dedicarse a desafiarnos. Temos presentadas propostas, cos sindicatos, e se eles non queren esta situación desbloquéase de inmediato, pero o que teñen que facer é mirar non só por eles", trasladou 'Cholo' Bouza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.