Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 13:12
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o Consello da Xunta que se celebrará este xoves aprobará a prórroga de tres meses no Cartón Básico para que persoas sen recursos poidan comprar produtos de primeira necesidade. Ata o momento, afirmou, foron máis de 8.000 familias as que a solicitaron.
"Durante seis meses beneficiaranse as persoas que o necesiten e que non teñan outra prestación social da Xunta", destacou a responsable autonómica na firma dun convenio con Cruz Vermella na Coruña para atender a persoas sen fogar. Ata agora, engadiu, foron 20.000 persoas que contaron con esta axuda.
A presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, defendeu o alongamento da axuda, que xestiona a propia entidade, porque, certificou, "a necesidade é moi grande". O cartón, que se obtén nun prazo máximo de 72 horas, ten un saldo de 450, 600 ou 900 euros segundo o número de persoas da unidade familiar.
"Podes ir ao supermercado ou á farmacia e pagar como todos; evita a estigmatización de persoas que necesitan axuda", remarcou Fabiola García, que apuntou que moitos cidadáns con poucos recursos non solicitan subvencións ás administracións polo medo a ser sinalados.
CONVENIO
A conselleira e a responsable de Cruz Vermella asinaron un convenio de 167.000 euros para que a entidade continúe axudando a persoas sen fogar en seis das grandes cidades de Galicia. "Son as persoas que peor o pasan", destacou García, que mencionou que os profesionais lles ofrecen apoio psicolóxico, asesoramento ou formación dentro deste programa.
Pola súa banda, Colmeiro asegurou que este colectivo aínda sofre máis o "mal momento" actual. Coa pandemia, expuxo, a entidade estivo "moi pendente" destas persoas e colaboraron, por exemplo, na instalación de albergues específicos durante o confinamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.