O 70% dos entes dependentes da Xunta non xustifica "adecuadamente" os contratos sen publicidade

Contas apunta que o desenvolvemento normativo "non resulta suficiente para un nivel de transparencia satisfactorio" nas entidades instrumentais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Consello de Contas observa que "o 70%" dos entes dependentes da Xunta non xustifica "adecuadamente" o uso de contratos negociados sen publicidade. Esta é unha das conclusións que se atopan no informe realizado por Contas sobre a avaliación da transparencia contractual de entidades instrumentais dependentes da Administración galega. De feito, trátase do segundo informe posto en marcha por este órgano fiscalizador en materia de prevención da corrupción desde que conta con estas atribucións.

José Antonio Redonde e Miguel Santalices
José Antonio Redonde e Miguel Santalices | Fonte: Parlamento de Galicia.

Ademais, Contas apunta que o 34% tampouco deixa constancia nos expedientes da negociación, que "é o elemento substancial e diferenciador deste procedemento" que limita a concorrencia.

No entanto, aclara que estas comprobacións se refiren a expedientes tramitados con anterioridade á entrada de vigor da nova lei de contatos, polo que moitos dos supostos examinados corresponden a procedementos negociados por razón de contía. E é que este procedemento "perderá relevancia coa supresión pola nova lei deste suposto e a introdución de procedementos alternativos".

Nesta liña, Contas pon deberes á Xunta, xa que o desenvolvemento normativo en materia de entidades instrumentais "non resulta suficiente para alcanzar un nivel de transparencia satisfactorio".

Destaca entre o positivo o cumprimento de cuestións que son imperativas, pero "necesitan un maior desenvolvo" os "aspectos que non resultan de obrigado cumprimento".

RECOMENDACIÓNS

Entre as recomendacións que propón Contas, avógase por "normalizar" os documentos que integran o expediente de contratación de modo que se mellore a calidade da información e se ofreza de forma homoxénea por todas as entidades.

Tamén se empraza a "prestar especial atención" ao cumprimento das esixencias de xustificación naqueles documentos e trámites que revisten maior transcendencia desde o punto de vista da prevención de riscos de corrupción. Cita exemplos como modificacións contractuais ou documentos acreditativos da execución do contrato

A continuación, o Consello de Contas apela á posibilidade de estender o xestor de expedientes de contratación (Plation) a todas as entidades instrumentais. Aposta por automatizar a transmisión de datos desde o xestor electrónico cara á plataforma e o rexistro de contratos, de forma que se garanta "a publicación de toda a documentación e se mellore o seu contido", coa introdución dun sistema de alertas que advirta sobre os prazos de publicación ou obrigación de remisión de información.

Xunto a isto, emprázase a habilitar novos campos na Plataforma de Contratos para incluír aqueles trámites para os que non existen espazos específicos como consultas preliminares do mercado, contratacións programadas ou licitación de contratos menores. Tamén para que se mellore o acceso a información relativa a publicidade, subcontratación e cesión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta