Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 16:09
Os controis de mobilidade polo peche perimetral das cidades galegas na pasada xornada e tamén en cemiterios con motivo do Día de Defuntos están a rexistrarse con normalidade este sábado, así como con algún incumprimento e propostas de multa puntuais.
Tras as primeiras horas despois de coñecer a decisión da Xunta nas que se rexistraron atascos nalgunhas urbes, fontes da Delegación do Goberno trasladaron a Europa Press que non se rexistraron incidencias significativas. Os controis aleatorios de mobilidade seguen nesta xornada.
Tamén fontes dos gobernos locais das cidades consultadas por Europa Press referiron decenas de controis nos que a Policía Local colaborou con representantes de Policía Nacional e Garda Civil e concretaron incumprimentos puntuais, que se acompañaron das súas correspondentes propostas de sanción.
No caso de Vigo, a cidade máis grande de Galicia, o propio alcalde, Abel Caballero, destacou este sábado que na pasada xornada houbo "un número de controis moi importante" en case todas as entradas e saídas da cidade. "Esta madrugada controlamos 74 vehículos e todos cumprían escrupulosamente as normas, con motivos laborais: eran traballadores de PSA, Mercadona, do Porto...", relatou o rexedor, antes de engadir que se realizaron outros controis estáticos e dinámmicos en varias zonas da cidade. "E seguiremos todo o día", apostilou.
Do mesmo xeito, Caballero incidiu en que tamén se están vixiando os cemiterios con efectivos policiais e aproveitou para facer un chamamento á cidadanía ao "cumprimento estrito" das normas. "E se podemos facer unha visita graduada, aínda mellor", esgrimiu.
"Hai que facer reunións só con persoas coas que convivimos. Onte dei un paseíto con Cristina, non nos detivemos con ninguén, só os saúdos de rigor a moita distancia. Estamos no momento de estar coas persoas que convivimos e está taxativamente prohibido entrar e saír da cidade sen motivos xustificados. Vainos a vida niso", proclamou.
Finalmente, insistiu en pedir "máxima prudencia, ningunha confianza excesiva, ningún descoido e cumprimento estrito das normas", pero tamén advertiu que a Xunta debe facer máis PCR, "duplicar o número de controladores" e "reforzar a Atención Primaria". "Se imos todos xuntos, imos dobrar o pulso ao virus. Moita atención e moita cautela", apelou.
SANTIAGO E OURENSE
En Santiago, fontes municipais concretaron que se rexistrou unha festa nun piso con 11 mozos na pasada xornada, e estase tramitando a proposta de sanción correspondente. Así mesmo, a Policía Local colaborou en 42 controis de mobilidade, nos que só houbo dous casos nos que non se cumprían as condicións estipuladas. Na capital galega tamén se está vixiando o cemiterio de Boisaca.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dixo este sábado nunha rolda de prensa que acata as medidas impostas polas autoridades sanitarias pero expresou as súas dúbidas sobre as mesmas, xa que a cidade leva tres semanas co peche perimetral "e os casos seguen aí".
"Desde logo, algo está a pasar, porque todo o mundo está a levar máscara, hai un confinamento desde hai semanas e os casos seguen aí", insistiu, aínda que con todo asegurou que "toca obedecer" e que "os de arriba" tomen "as decisións máis correctas" para loitar contra a COVID-19.
OUTRAS ÁREAS URBANAS
Pola súa banda, na área de Ferrol, os alcaldes dos municipios afectados polas novas restricións coordináronse para os controis. Fontes do Consistorio de Ferrol incidiron en que ao estár perimetrado por outros municipios tamén pechados, o foco de control está nas outras localidades da área.
Pola súa banda, o Concello de Narón informou de que a alcaldesa, Marián Merreiro, coordinou este sábado as actuacións precisas e apelou á responsabilidade cidadá. Os controis seguirán nos próximos días para garantir que se cumpren as normas anti covid.
Fontes doutras cidades e localidades pechadas na pasada xornada e consultadas por Europa Press constataron tamén a existencia de controis sen incidencias significativas detectadas ata o momento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.