A Xunta adxudica a fase cero do novo hospital da Coruña, cuxas obras espera iniciar antes de que acabe o ano

Inclúe a creación dunha nova área de hospitais de día e unha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.

Por E.P. | A Coruña | 09/11/2020 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou a adxudicación da fase cero do novo hospital público da Coruña, cuxas obras espera que comecen antes de que finalice o ano. Así o informaron os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na presentación das novas prazas de aparcadoiro construídas nas inmediacións do hospital Teresa Herrera, da cidade herculina.

Os conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, Julio García Comesaña e Ethel Vázquez, asisten á presentación das novas prazas de aparcadoiro no hospital Teresa Herrera
Os conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, Julio García Comesaña e Ethel Vázquez, asisten á presentación das novas prazas de aparcadoiro no hospital Teresa Herrera | Fonte: Xunta.

Nun acto xunto ao delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria, Luís Verde, o conselleiro explicou que a UTE adxudicataria das obras presentará a documentación nos próximos días de cara a formalizar o contrato e iniciar as actuacións no prazo dun mes.

Esta fase cero, licitada en xuño por un investimento de 13 millóns de euros, inclúe, segundo lembrou o conselleiro, a creación dunha nova área de hospitais de día e unha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos, entre outras actuacións.

Tanto o conselleiro de Sanidade como a titular de Infraestruturas subliñaron que se trata dunha infraestrutura "necesaria" nesta área sanitaria, á vez que lembraron que coa ampliación prevista executarase unha actuación cun investimento de 418 millóns de euros.

Por iso, trasladaron que esperan "a máxima colaboración" do concello coruñés. Neste sentido, Ethel Vázquez volveu a lembrar que a Xunta lle enviou ao consistorio o pasado 5 de maio unha proposta de convenio.

Ambos os conselleiros realizaron estas manifestacións coincidindo coa súa presenza no acto de presentación dos traballos acometidos na contorna do Materno-Infantil para mellorar os accesos.

Cun investimento de máis de 195.000 euros, Ethel Vázquez explicou que se renovou o firme da vía que rodea ao hospital e habilitáronse 53 prazas de aparcadoiro. A elas, está previsto que se somen outras 20, segundo expuxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta