Os vehículos agrícolas coa ITV caducada durante a suspensión de revisións pola covid non serán multados

A Delegación do Goberno sinala que existen puntos da comunidade galega onde as inspeccións móbiles, que realiza unha empresa en concesión da Administración autónomica, "non chegan" ata o próximo mes de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Os vehículos agrícolas que teñen a ITV caducada pola suspensión das revisións técnicas durante o estado de alarma e cuxa prórroga finalizou nos últimos días non serán multados, segundo comunicou este venres a Delegación do Goberno.

Ante a finalización da prórroga outorgada para a posta ao día das inspeccións móbiles de vehículos agrarios, a Delegación do Goberno comunica que non serán multados aqueles cuxa ITV vencese durante os meses do estado de alarma de primavera e que aínda non puidesen renovala.

Nun comunicado, a Delegación do Goberno sinala que existen puntos da comunidade galega onde as inspeccións móbiles, que realiza unha empresa en concesión da Administración autónomica, "non chegan" ata o próximo mes de febreiro.

Así as cousas, a representación do Executivo central na Comunidade galega remitiu unha directriz na que a Dirección Xeral de Tráfico establece que "non procede" formular denuncia contra estes vehículos a condición de que acrediten que non puideron pasar a ITV antes do 10 de novembro por problemas no calendario das inspeccións móbiles.

Así mesmo, o delegado do Goberno, Javier Losada, asegura que a comezos de mes remitiu unha carta ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, na que instaba á Administración autonómica, en virtude das súas competencias exclusivas, a pór medidas para solucionar esta problemática.

De feito, a pasada semana, o Parlamento de Galicia aprobou en comisión unha proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada tamén polo PP (o PSdeG abstívose) na que solicitaba esta medida cautelar de non sancionar aos vehículos que circulasen coa ITV caducada por este motivo.

POSTURA DA CONCESIONARIA

A concesionaria do servizo de inspeccións ambulantes, a empresa SyC Applus+, afirmou que só restaba por renovar a ITV o 7% dos 18.000 vehículos agrícolas afectados pola suspensión das revisións durante o estado de alarma decretado en marzo e que se mantivo ata o mes de xuño.

Nun comunicado, a compañía asegurou que se levaron a cabo cabo 16.882 revisións e que restaban por facelo 1.423, fundamentalmente na zona de influencia da estación fixa da ITV de Ferrol, que dá servizo aos concellos de Cariño, Cedeira, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas, Narón e Neda.

Tractor sementa patacas no municipio coruñés de Coristanco. EP/REMITIDO - Arquivo / Europa Press
Tractor sementa patacas no municipio coruñés de Coristanco. EP/REMITIDO - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta