Sanitarios do CHUS: "a Xerencia está mentindo aos medios, e podemos demostralo"

Os profesionais da UCI cargan contra a resposta da Xerencia á folga, á que acusan de "incumprir" as súas promesas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Prosegue o choque entre o persoal da UCI de adultos do CHUS e a xerencia de Compostela. Na xornada do luns tivo lugar o primeiro dos días de folga e mobilización que cada luns inundará o clínico compostelán. As reivindicacións serán, iso si, simbólicas: non haberá abandono do posto de traballo logo de que o SERGAS impuxese un servizos mínimos do 100%, que os sanitarios ven "proba" da falta de persoal denunciada.

Protesta dos profesionais sanitarios da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
Protesta dos profesionais sanitarios da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Neste aspecto, os profesionais de enfermaría da UCI do CHUS veñen de cargar duramente contra as explicacións ofrecidas a outros medios pola xerencia compostelá. Tal e como recolle La Voz de Galicia, a dirección da área comandada por Eloína Núñez sostivo na xornada de luns que a calidade asistencial está "absolutamente garantida", unha visión que constrasta coas denuncias de "falta de persoal" feitas polos sanitarios.

Porén, o punto que está a levar ós sanitarios a elevar a voz son as "diversas medidas de compensación" para os profesionais destacadas pola Xerencia. Rosa González, voceira do persoal sanitario da unidade de críticos, considera que o anuncio da Xerencia é "case un insulto". "O que nos ofrecen agora é o mesmo que en xuño pero con outras palabras", explica.

Á parte, as compensacións anunciadas pola Xerencia non se corresponden co tempo real de traballo, de acordo coa versión dos sanitarios. Segundo sinala a voceira,  a Xerencia ampliou en 20 minutos o cómputo da quenda laboral para ter en conta as dificultades que implica poñer e quitar o EPI, preciso para a UCI covid. O tempo empregado nesta tarefa, porén, é moito maior: “chegamos 1 hora antes á quenda e saímos unha hora e media despois”.

PROMESAS "INCUMPRIDAS"

Por riba, e sempre segundo a versión dos sanitarios, estes "20 minutos" que agora destaca a Xerencia "forman parte do acordado en xuño". Tras fortes presións dos sanitarios, a Xerencia de Núñez comprometeuse a levar a cabo unha reforma na unidade de críticos e a sumar eses 20 minutos. Ningunha das dúas promesas se levaron a cabo, din os sanitarios: “Como era antes das eleccións dixeron ‘ala, firmamos’, pero non fixeron nada”

“Como din que nos dan isto se xa quedou acordado en xuño e aínda agora non se está a facer?”, pregúntase González. A indignación da voceira concéntrase nas afirmacións da Xerencia defendendo que hai persoal suficiente para manter a calidade da UCI. "Declaran que hai persoal suficiente para as uci covid e limpa pero é mentira. Están mentindo constantemente á prensa, e podemos demostralo con feitos, papeis e declaracións”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta