Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 19:12
A situación epidemiolóxica nos concellos de Sanxenxo e O Grove, que compartirán peche perimetral desde a medianoite deste xoves, destaca entre a incidencia que ten a pandemia na comarca do Salnés, unha das zonas que se atopa no foco de seguimento do comité clínico para a xestión da crise do covid.
Así figura na orde da Presidencia da Xunta publicada na tarde este de mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) que decreta a expansión a Sanxenxo das medidas restritivas xa vixentes noutros 67 municipios galegos, onde existen limitacións de mobilidade e de actividades de lecer.
A decisión de pechar Sanxenxo, adoptada polo comité clínico na súa reunión do pasado martes, baséase nun informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que destaca a situación epidemiolóxica do municipio turístico e da localidade lindeira do Grove dentro da propia comarca do Salnés, onde a incidencia acumulada presenta unha tendencia á alza cuns valores diarios por encima dos 50 casos por cada 100.000 habitantes, así como un índice de reprodución do virus por encima do limiar do 1, o que significa que a transmisión comunitaria continúa producíndose.
Entre a situación epidemiolóxica da comarca, Sanidade resalta a de Sanxenxo, o municipio que presenta maior número de casos detectados nos últimos 14 días, con positivos en covid diagnosticados diariamente, especialmente entre os máis novos, pois a franxa de idade que vai dos 20 aos 24 anos presenta a taxa de contagios máis alta.
Así as cousas, tanto Sanxenxo como O Grove contan con taxas acumuladas superiores á de Galicia que se suma a que existen outros criterios para elevar as restricións, como os factores de alto risco na detección de incidencia a tres días ou o número de pacientes que terminan ingresados.
PECHE PERIMETRAL
Deste xeito, Sanxenxo converterase ás 00,00 horas deste xoves no 68º municipio galego no que se levanta o máis alto grao de restricións: restrición da mobilidade fose do termo municipal ou área perimetral, peche da hostalaría (salvo servizos para levar ou entrega a domicilio) e reunións restrinxidas a convivientes.
A localidade turística compartirá peche co Grove, municipio no que xa imperan estas medidas desde hai dúas semanas. Así, os veciños destes dous concellos costeiros poderán moverse entre municipos pero non saír dos seus límites.
Para velar polo cumprimento das normas, o Concello de Sanxenxo avanzou que se reforzarán os controis de entrada e saída do municipio, á vez que apela á responsabilidade dos veciños para cumprir as medidas especiais.
"Non podemos ter un policía vixiando a cada persoa, polo que é fundamental a responsabilidade colectiva", manifestou a tenente de alcalde da localidade, María Deza.
CULLEREDO
O Concello de Culleredo Intensificará os controis nas zonas de paseo do municipio para asegurar o cumprimento das restricións decretadas pola Xunta de Galicia pola covid-19.
Segundo informa, farano tras detectar "grupos de persoas non conviventes que camiñaban por espazos como o paseo marítimo, unha das situacións expresamente non permitidas por Sanidade para frear a curva de contagios".
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo este mércores unha nova reunión coa Consellería de Sanidade e cos representantes dos concellos da área metropolitana afectados as limitacións.
Respecto diso, subliña que o número de casos activos en Culleredo é, con datos deste mércores, 74, "o que supón nove máis con respecto a hai dous días".
CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE
Rioboo manifesta a súa "preocupación" por este pequeno repunte, cando se cumpren 12 días do peche perimetral da área metropolitana coruñesa para parar a incidencia do coronavirus. Por iso a Policía Local, avanza, realizará controis exhaustivos para confirmar a procedencia e a situación de convivencia das persoas que empreguen zonas para paseo de Culleredo, especialmente as máis concorridas.
O primeiro edil fai un chamamento á cidadanía a "cumprir estritamente" as normas que determinan as autoridades sanitarias. "Cando alguén se atopa con coñecidos no paseo non pode pararse con eles, son condutas que nos axudan a evitar contagios", resalta. Lembra ademais que é obrigado o uso da máscara para camiñar.
Ademais, fai fincapé en que as normas de Sanidade impiden que se poida visitar casa allea. Para ir traballar, que é unha das excepcións, "debemos tomar todas as precaucións", indica Rioboo, que reitera a petición de "responsabilidade social" para seguir a machada as pautas das autoridades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.