Guadi Galego: "Aínda custa entender a cultura como ben esencial"

A de Cedeira lanza o seu sexto disco, 10 cancións que son o culmen da súa evolución do folk a un "pop de autora cun selo identitario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

A cantante Guadi Galego (Cedeira, A Coruña, 1974) acaba de lanzar o seu sexto disco, 'Costuras', un total de 10 cancións que supoñen o culmen da súa evolución do folk (foi gaiteira, pianista e vocalista en Berrogüeto) a un "pop de autora cun selo identitario", como ela mesma o define.

Nunha entrevista con Europa Press, Guadi Galego reflexiona sobre a situación que atravesa a cultura e, en concreto, a música, no actual contexto de crise xerada pola pandemia da covid-19. "Ninguén pon en dúbida o sector do automóbil, pero aínda custa entender a cultura como esencial", subliña.

Respecto diso, fai fincapé en que "a cultura ten que ser un ben esencial" e "se non se declara como tal hai pouco que facer". "Podemos seguir gritando por dignificala, pero ten que haber un compromiso real e iso está de man dos gobernos", incide. Neste sentido, e no actual panorama, lamenta que "aínda custa entender a cultura como esencial", pero lembra que "dá traballo a moita xente".

"A VIDA ESTÁ CHEA DE COSTURAS E REMENDOS"

Galego deu co título do seu último álbum despois de compoñelo e explica que ten "bastante de autobiográfico", posto que "fai moita referencia ás costuras, cicatrices e peles" da súa vida. "As costuras non son outra cousa que remendos e din que duns panos faise un abrigo, non? Pois con eses remendos imos facendo cousas máis grandes. A vida está chea deses anacos que se van cosendo", destaca.

Parte das cancións levaban tempo feitas, "pero estaban aparcadas" xa que chegou Immersión, a recompilación de temas antigos en distintas linguas que recibiu un premio pola promoción da realidade plurilingüe do estado español. "Quedaron aparcados catro ou cinco temas e Carlos Abal (a súa parella, que tamén asina cancións de 'Costuras') e eu acabámolo durante este 2020", expón.

Desta forma, "a metade" do disco compúxose "en meses de pandemia, tentando sacar horas para poder traballar, entre conciliación" e outras tarefas. Desta conxuntura xorden algunhas das cancións, como 'Mesta néboa', "moi íntima", ou 'Liberdade ambigua', que "fala de que te dás conta en procesos profundos da pouca liberdade que tes". "Énchesenos a boca dicindo que somos libres, pero ao final a liberdade é ambigua e hai que aproveitala", destaca.

Ao principio de 'Só con amor' recita un poema o poeta e "amiga" Mariña Oural. "Fala de que ao final o que importa na vida é o amor. Podemos cambialo todo, as nosas vidas, o mundo, pero sen amor non se chega a ningún lado", resalta Galego. "Pareceume que trasladalo ás bocas dos meus fillos Tiago e Carme e o meu sobriño Mateo era unha historia bonita para pechar o disco", comenta, sobre a aparición destas voces infantís.

Outra das colaboracións do disco é a da cantante catalá Paula Grande, tamén amiga de Guadi Galego, e a aparición "especial" de Antía Otero ao final de 'Zocos', cun poema do seu cuarto poemario que "ten moito que ver con ese concepto sobre como queres vivir". "Meter a poetas fíxome moi feliz, porque creo que a poesía moitas veces non chega aos oídos da xente tan directa como a música e introducila nun concepto artístico como o musical enche moito e achégaa ao público", sinala Galego.

Define 'Costuras' como "un disco moi de autora" e apunta que "é pop" pero "cunha visión desde aquí", desde Galicia, pola súa "sonoridade orgánica". Así, combina unha parte electrónica "máis contemporánea" con outras "máis rockeiras" para configurar o que denomina como "pop de autora cun selo identitario".

Nestes momentos está a empezar os ensaios coa "ilusión" de, a partir de febreiro ou marzo, poder "empezar a saír" e subirse aos escenarios, aínda que dá por feito que terá que ser en exteriores, xa que "as restricións son moi duras" e "vai custar volver encher as salas". "Imos ir sobre a marcha e a ver como a covid vai abrindo a man", indica. De momento, espera que "a xente compre o disco ou o escoite en dixital e e o poña nas súas casas a todo volume".

A cantante Guadi Galego. GUADI GALEGO - Arquivo
A cantante Guadi Galego. GUADI GALEGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta