Porto Cabral

Non é doado xustificar a oportunidade do macroproxecto de centro comercial e de lecer de Porto Cabral promovido no concello de Vigo polo fondo de investimentos Eurofund Investments en joint venture coa empresa británica INTU especializada en shopping resort.

Por Manuel Bragado | Vigo | 28/05/2013

Comparte esta noticia

Nin os tres mil empregos prometidos na súa construción e apertura nin os 18 millóns de euros que a Comunidade de Montes de Cabral recibiría polos terreos nin sequera os 15 millóns en cargas que supoñería para as fracas arcas municipais semellan argumentos suficientes para avalar semellante proxecto.

É innegable que o proxecto de Liñeiriños arruinaría para sempre unha parte da coroa vexetal que protexe a cidade de Vigo, en concreto medio millón de metros cadrados, dos que 300.000 son de propiedade veciñal. Non é crible o número de traballos prometidos polos promotores, como xa sucedeu na construción do hospital de Valadares, hoxe un elefante branco, sendo pola contra un agravante a destrución de empregos (estimada en 6.000) que provocaría no tecido do pequeno comercio vigués, tanto no do centro coma no de todos os barrios. Como é unha evidencia para a cidadanía viguesa o fracaso de todos os novos centros comerciais, convertidos inicialmente ( a Laxe) ou reconvertidos en macroximnasios (Praza Elíptica), así como a inevitable saturación que se producirá cando sexan inaugurados os dous que están en construción no Calvario (no que foi o edificio Bandeira) e na nova estación do AVE en Urzaiz. Saturación que xa se produciu noutras cidades galegas coma a Coruña, nas que agoniza Dolce Vita e o macrocentro Marineda, a pesar de contar con motores como IKEA e El Corte Inglés, só funciona con auténtico pulo os sábados e cando abre os domingos.

Con todo, máis alá dos argumentos de oportunidade e sostibilidade económica e medioambiental, a cerna do macroproxecto de Porto Cabral está na desafortunada clasificación que dos terreos forestais de Liñeiriños fixo o PXOM de Vigo, que dende a súa aprobación pasaron a ser urbanizables. Unha cualificación da que son responsables todas as forzas políticas que avalaron o documento urbanístico, probablemente asumindo os beneficios que esta actuación supoñeria para o financiamento público doutros desenvolvementos previstos no PXOM, como a Cidade do Deporte de Valadares, a apertura da nova (e polémica) Ronda de Vigo, entre a avenida de de Buenos Aires e o concello de Nigrán, como a recuperación do bosque de Cotogrande. Non obstante, non deixa de ser unha coincidencia moi chamativa que o arquitecto responsable da Xerencia de Urbanismo durante os mandatos de Castrillo, Pérez Mariño e Porro, un dos redactores máis destacados do PXOM, sexa agora o asesor técnico dos promotores de Porto Cabral.

A pesar da protesta cidadá e da resistencia que o proxecto está recibindo dunha parte dos comuneiros de Cabral, a pesar da oposición unánime das tres centrais sindicais e (só) dos partidos de esquerda, a pesar das inequívocas mostras de agotamento destes templos do consumo compulsivo en tempos de crise e desemprego elevadísimo (máis de 50.000 persoas na área metropolitana viguesa), non vai ser ser doado paralizar un proxecto sobre o que se moven fíos moi poderosos e un investimento estimado unha veces en 500 millóns de euros (para entendernos, máis do que se leva enterrado na Cidade da Cultura) e noutras até en 1.300 millóns, un baile de cifras (total que son 800 millóns de euros) que dá aínda máis para desconfiar sobre a fiabilidade do proxecto e dos seus promotores. Sexa coma fose, outra vez, David contra Goliat!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA