A Deputación da Coruña presenta un orzamento de case 185 millóns para 2021, cun aumento do 137% en gasto social

O presidente do PP na provincia da Coruña e deputado autonómico, Diego Calvo, defendeu o "compromiso investidor" das contas do Goberno galego para 2021, mentres que o PSdeG cualificounas de "tomadura de pelo", en referencia en concreto á cidade herculina.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2020 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O goberno provincial da Coruña levará a pleno un orzamento para 2021 de 184,5 millóns, un 0,26% máis que no presente exercicio, e cun aumento do 137% en gasto social.

Así o informou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado polo vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de Facenda, Antonio Leira.

En rolda de prensa, Formoso asegurou que se trata de "a maior aposta pola protección social e a xeración de emprego da historia desta institución provincial".

En concreto, destacou o incremento de partidas na área social, que pasan de 11,8 a 27,4 millóns, e os diferentes programas e plans provinciais, que impulsarán, segundo dixo, "a creación de 3.500 empregos directos" na provincia da Coruña.

A iso, sumou outras medidas "que suporán a contratación de 300 profesionais na área sanitaria". "Un aumento de 14 millóns de euros para soster os servizos de axuda a dependentes e de emerxencia social en concellos da provincia", engadiu.

COLECTIVOS "ESQUECIDOS"

Tamén incidiu en que se trata duns orzamentos que prestarán especial atención "a colectivos que o pasan mal e son os grandes esquecidos, como a cultura e o deporte", ao que sumou políticas vinculadas co medioambiente. "E sen recorrer a débedas, seguimos con débeda cero", remarcou.

Pola súa banda, o deputado Xosé Regueira, subliñou que o goberno provincial aposta por unha xestión "comprometida co financiamento local, co compromiso social e a igualdade e coas partidas que xeramos para os concellos".

Así, apuntou que dos 184,5 millóns que levarán a pleno para a súa aprobación "120 millóns van ser de transferencia inmediata". A iso, sumou o incremento das partidas destinadas á área de turismo nun 13,4%.

"É un orzamento optimisma, social, esperanzador", resumiu o deputado responsable da área de Economía e Facenda, quen expuxo que esperan poder incrementalo coas partidas do Estado e da Xunta. Ao fío diso, Formoso remarcou que o orzamento "empeza con 185 millóns, pero termina con máis de 400 millóns, a capacidade movilizadora de recursos é bastante alta", engadiu.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co vicepresidente Xosé Regueira e o deputado Antonio Leira, presentan o orzamento para 2021. MONCHO FONTES
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co vicepresidente Xosé Regueira e o deputado Antonio Leira, presentan o orzamento para 2021. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

INVESTIMENTO DA XUNTA NA PROVINCIA

O presidente do PP na provincia da Coruña e deputado autonómico, Diego Calvo, defendeu o "compromiso investidor" das contas do Goberno galego para 2021, mentres que o PSdeG cualificounas de "tomadura de pelo", en referencia en concreto á cidade herculina.

En rolda de prensa, xunto ao deputado e concelleiro Martín Fernández Prado e a edil Rosa Gallego, Calvo manifestou que o orzamento autonómico é "a mellor emenda á totalidade" dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) elaborados polo Executivo central, dos que dixo que "ningunean" a Galicia, en xeral, e á provincia da Coruña en particular.

Ademais de reivindicar a actuación en materia de política social, destacou o investimento no novo hospital da Coruña (19,30 millóns), a estación intermodal (4,53 millóns) ou a Vía Ártabra (10,15 millóns).

Pola súa banda, Martín Fernández Prado cifrou en 200 millóns a contía para a cidade da Coruña, dos que 75, explicou, serán para actuacións que teñen que ver con política social e 137 millóns para investimentos directos.

CRITICAS SOCIALISTAS

Fronte á defensa feita polos populares, o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualifica, nun comunicado, as contas da Xunta de "tomadura de pelo" para a cidade da Coruña. "Demostran un ano máis a súa ausencia de compromiso investidor coa cidade".

"Se o ano pasado a única novo investimento era unha pasarela peonil de 2 millóns de euros, para 2021 inclúen un investimento para a remodelación do Chuac comprometida de moito antes e que non chegara a executarse", engade.

Sobre a estación intermodal, afirma que "nestes orzamentos percibirá o 30 por cento do importe total dunha obra que tiña que estar terminada xa e que nin sequera comezou polos obstáculos impostos pola Xunta durante a pasada lexislatura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta