Temas: VIVENDA ABANCA

Abanca terá que devolver 200.000 euros a dous lalinenses que anticiparon pagos por vivendas que non se entregaron

A promotora crebou e non se lle esixiu a constitución de aval para garantir eses pagos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2020 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña e un xulgado de Lalín resolveron que a entidade Abanca deberá devolver algo máis de 200.000 euros a dous lalinenses que anticiparon pagos para a compra de senllas vivendas, que nunca foron entregadas porque a promotora crebou e non se lle esixiu a constitución de aval para garantir eses pagos.

Oficina de Abanca.
Oficina de Abanca.

No primeiro dos casos, a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial da Coruña é firme e estima o recurso dun veciño de Lalín que anticipou o pago de 80.250 euros pola compra dunha vivenda en 2006.

O segundo caso é o dunha muller que tamén fixo un pago anticipado, nesa ocasión de 120.000 euros, pola compra dunha vivenda en 2007. O xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Lalín tamén fallou a favor da compradora, aínda que a sentenza está en proceso de recurso.

As vivendas nunca chegaron a entregarse, porque a promotora entrou en concurso de acredores e en liquidación. Segundo denunciaron os prexudicados, Abanca (entón Caixanova), que financiaba a construción das vivendas, non esixiu á promotora aval para garantir as cantidades que recibía dos compradores.

En ambos os casos, os prexudicados estiveron representados polo despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema, e tanto o tribunal provincial como o de primeira instancia sinalaron nas súas sentenzas que a lei 58/68 non só xera obrigas cara aos promotores inmobiliarios, senón tamén con respecto ás entidades de crédito.

Nese sentido, o despacho de avogados destacou que a responsabilidade das entidades bancarias vén dada "porque non son alleas á relación entre a persoa compradora e a promotora", e deben colaborar para asegurarse de que a promotora cumpre as súas obrigas legais, entre elas, recibir os anticipos de pago nunha conta "debidamente garantida".

Nestes casos, os tribunais consideran que a entidade coñecía que os compradores estaban a ingresar cantidades a conta do prezo das vivendas adquiridas, e debe responder por non esixir á promotora a apertura dunha conta especial, separada e debidamente garantida.

Temas: VIVENDA ABANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta