Xoel López publica 'Si mi rayo te alcanzara', o disco de toda a súa traxectoria

Este novo traballo pon ao público ante un Xoel ávido de novas experiencias e liberado de ataduras creativas e interpretativas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Despois de tres anos de silencio discográfico, Xoel López publica o venres o que será o décimo quinto álbum da súa carreira, o cuarto desde que a firma co seu nome e apelido.

'Si mi rayo te alcanzara', frase que dá título ao disco, marca o comezo dunha nova etapa na traxectoria do músico coruñés. Unha etapa que é a consecuencia dun proceso de cambio que ten máis de evolución que de ruptura, pero que pon ao seu público ante un Xoel ávido de novas experiencias e liberado de ataduras creativas e interpretativas. "A sensación de liberdade non é nova para min. Pero si é certo que esta vez me sinto aínda un pouco máis libre que nunca, que dei un paso máis aló", confesa o artista coruñés en declaracións a Europa Press.

Fronte á autoría exclusiva dos seus anteriores traballos, o novo Xoel comparte a responsabilidade creativa dos seus temas co tamén galego David Quinzán. Os mandos da produción, que viña exercendo en primeira persoa, encoméndallos agora a Carles Campi Campón, o nome que figura detrás das últimas entregas de Jorge Drexler, Vetusta Morla ou Natalia Lafourcade.

"Tiña ganas de desprenderme de cousas, de deixar fluír. E, literalmente, sentín que me quitei un peso de encima, o que me permitiu gozar máis que nunca do proceso de gravación e ter unha perspectiva máis xeral do meu proxecto", explica o músico.

É ademais o seu disco máis coral. Todo un traballo en equipo cos músicos da súa banda, do que brota un álbum cheo de contrastes, capaz de prescindir en ocasións das guitarras ou de seguir explorando nas sonoridades latinoamericanas desde a súa vertente máis festiva. "Nunca chegara tan lonxe nin fixera unha canción tan cachonda como Tigre de Bengala. E ao mesmo tempo tampouco nunca fixera unha canción tan melancólica como Joana", comenta.

CANCIÓNS PREPANDÉMICAS

Xoel López compuxo as dez cancións que forman parte de 'Si mi rayo de alcanzase' en 2019. "E iso é o mellor que lle puido pasar a este disco", sinala, xa que considera que "á composición destas cancións non lle afectou a pandemia". A quen si lle afectou foi ao proceso de gravación. Xoel tivo que suspendelo en marzo, cando se decretou o confinamento, "co disco a medio gravar". Retomouno a finais de maio, xusto no momento no que inicialmente estaba previsto o seu lanzamento, que finalmente terá lugar o sábado 27, seis meses despois.

Con todo, Xoel López asegura que é un disco que o segue representando. "O disco sae xusto a tempo como para seguir sentíndoo vixente". Recoñece que nalgún momento se expuxo a opción de atrasar a súa publicación ata o momento no que se puidese tocar e presentar en directo. "Pero iso si que o descartei totalmente por unha cuestión artística. Non podería defender o disco o ano que vén como o vou a defender agora", explica.

ENCONTRO DIXITAL

Un día antes da publicación do disco, o xoves 26, terá un lugar un encontro dixital que permitirá aos fans do músico escoitar as novas cancións de "Si mi rayo te ancalzase" e redescubrir as que xa publicaron a modo de adianto. O encontro tamén permitirá conversar con Xoel López e con parte do equipo que participou na creación do disco.

Os participantes nese encontro dixital serán seleccionados de entre quen fixesen a prereserva do disco desde a web do artista.

Xoel López. CONCELLO DE MADRID - Arquivo
Xoel López. CONCELLO DE MADRID - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta