Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2020 | Actualizada ás 13:25
A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra a a Universidade de Vigo, celebrará o próximo 3 de decembro a través do “Canal Directo 1 de UVigoTV” a segunda edición do taller “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado“, co obxectivo de manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado “patriarcado dixital”.
O taller, que será guiado por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo; contará coas intervencións de figuras femininas referentes no eido das carreiras STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas) que participarán en mesas redondas e en dous obradoiros (Maratón wikifeminista e obradoiro virtual STOPmachitroles).
DESIGUALDADE DE XÉNERO NO ÁMBITO DIXITAL
Durante esta xornada, as participantes debatirán sobre a alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, que "coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso sociopolítico e económico nas nosas sociedades", defenden desde a Cátedra.
Por outra banda, a violencia dixital contra as mulleres feministas é unha práctica cada vez "máis extendida e posiblemente organizada": "Facebook, Twitter, Instagram, YouTube deciden cales son os contidos axeitados. É necesario organizarse e traballar en rede para respostar ao machismo dixital".
PROMOVER A IGUALDADE
A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información.
En concreto, a Cátedra aposta pola promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e as STEAM, onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.