A Xunta baralla unha desescalada diferente para as zonas rurais e urbanas

Santiago e Ourense aproxímanse máis á redución de restricións e entran en nivel tres Muxía, Dumbría, Cee, Ribadumia, Meaño e Meis.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/11/2020 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A boa evolución das cidades de Santiago e Ourense nos últimos días aproxima a ambas as dúas cidades a un alivio de medidas de restricións, pero polo momento haberá que esperar aos "próximos días" e a que se consolide a tendencia á baixa. Así o determinou o subcomité clínico no que se levantaron as restricións de nivel tres --fundamentalmente o peche perimetral e da hostalaría salvo servizos para levar-- en seis concellos: Viveiro, Mugardos, Vedra, O Pino, Toén e San Cibrao das Viñas.

Un traballador limpa a lousa dun establecemento pechado durante o primeiro día de peche na hostalaría decretado debido á crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 7 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un traballador limpa a lousa dun establecemento pechado durante o primeiro día de peche na hostalaría decretado debido á crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 7 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

No lado oposto, establecéronse medidas do coñecido como 'modelo Carballiño' noutros seis municipios, que entrarán en vigor esta medianoite: Muxía, Cee e Dumbría, na Costa da Morte; e Meis, Meaño e Ribadumia, na zona do Salnés. "Imos pedir un esforzo", dixo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en referencia aos veciños destes concellos.

O vindeiro martes volverase reunir o comité clínico e, enriba da mesa, estará un documento para a desescalada na que está previsto que, ademais, se incorporen parte das propostas que o sector da hostalaría realizou á Xunta e que foron elevadas ao órgano no que participan os expertos xunto aos dirixentes políticos.

Deste xeito, trataríase de facer unhas medidas intermedias e que se aplicarán por un lado ás zonas urbanas e, por outro, ás rurais, pondo o baremo nos 10.000 habitantes.

Ademais, nesa reunión tamén está previsto que quede pechado o documento para a desescalada incluíndo as medidas para a hostalaría, que poderán ser de diferente grao en función, por tanto, do tipo de concello. O luns, haberá unha reunión co sector da hostalaría para terminar de puír as medidas propostas, unha reunión previa ao comité clínico.

SITUACIÓN DE OURENSE E SANTIAGO

Como xa se constatou na reunión do comité clínico, a evolución das cidades é positiva e destacan entre todas elas a de Santiago e a de Ourense, con 124 casos de incidencia acumulada e 144, respectivamente, no últimos sete días. "É boa e esperamos aliviar restricións nos próximos días e que pasen a un estado diferente. Isto foi o que trasladei ao alcalde de Santiago", certificou Comesaña.

Con constantes chamadas á "prudencia", para que os datos, estabilizados, se consoliden nesta tendencia, Comesaña indicou que aínda é cedo para observar a evolución de Moaña, que entrou en nivel máximo de restricións o hai apenas uns días.

GALICIA, "ESTABLE Á BAIXA"

En liñas xerais, Comesaña destacou que Galicia se atopa "estable, á baixa" con menos casos positivos nas últimas horas (441 por baixo), descenso no número de persoas coa enfermidade activa e baixada da presión hospitalaria.

Tamén informou de que, ademais dos concellos mencionados, seguen en vixilancia especial os de Sarria e Chantada e inclúese o de Ordes, que non estaba, nesta observación máis estreita, aínda que en ningún destes municipios se adoptou ningunha medida adicional ás xerais que hai para toda Galicia. Tamén segue Ribeira baixo lupa especial.

Ademais dos datos "francamente bos" de Santiago e Ourense, que en canto "teñan un pouco máis de estabilidade será o momento de que pasen a un nivel diferente" --"estamos a pechar cales serían as condicións de apertura destes concellos", apostilou--, tamén melloran o resto de cidades, aínda que "non acaba" de facelo Pontevedra e a súa zona perimetral, onde se van a facer cribados.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, tamén corroborou a situación de Galicia "con tendencia descendente, estable" e cunha incidencia acumulada a 14 días de 286,57 e 122,17 a sete días. Esta evolución positiva obtense tendo en conta a porcentaxe de PCR positiva e datos asistenciais, así como un nivel reprodutivo por baixo de un --no 0,9 sitúase--.

Así, observouse unha melloría na Coruña, con 171 casos de incidencia acumulada; Ferrol, por baixo dos 257; Santiago, con 124 e Lugo, con tendencia á baixa e unha incidencia de 215. O de Ourense é un dos descensos "máis pronunciados" e está en 149 casos, fronte aos 204 da comparativa anterior. Vigo está estable cun 300 casos e Pontevedra, aínda que hai "preocupación", presenta unha "certa tendencia ao descenso" e unha incidencia acumulada de 337 casos nos últimos 14 días, fronte aos 349 da comparativa anterior.

Ademais, Carmen Durán tamén destacou que nos concellos nos que se levantaron as restricións de nivel tres tiveron un, dous ou cero casos nos últimos días e presentan unha incidencia acumulada "moi baixa" a sete e 14 días. Ao contrario, os municipios aos que se lles subiron as restricións, constatouse un "empeoramento", con incidencia acumulada de máis de 250 casos en todos eles.

En canto ao seguimento en Valdeorras, en Petín só se deu un caso nos últimos sete días e a evolución da Rúa é "favorable", aínda que tamén se seguirá a súa evolución. Sarria evolucionou de 150 a 112 casos en sete días e Ordes introducíronse en seguimento especial por pasar a unha incidencia de 321 casos nos últimos 14 días.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, Julio Flores, apuntou que baixou o nivel de consultas no 061 e o número de urxencias hospitalarias tamén se estableceu, e diminuíron os ingresos nun 3 ou 4 por cento. Tamén baixou a ocupación das camas, cunha caída do 14 por cento en hospitalización convencional e un 5,43 en UCI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Vigo seguiremos pechados tódalas festas ? A ver que vai facer o alcalde coas luces e coa cabalgata estática en Coia ? Levamos 4 semanas coa hostelería pechada e o que é peor: cos Plenos Pechados ao público ! E mira que xa o dixemos no primerio Estado de Alarma e agora temos que aturar que o representante da Marea de Vigo aplique a "lexislación vixente" para tapar a boca da cidadanía (?) Cousas veredes, ata os ananos convértense en xigantes cando lles das acceso ao BOE ! Aqui vos deixo a resposta "xurídica" dunha Oposición Colaboracionista ! https://twitter.com/00Gamela/status... Maldito Estado de Alarma (8 meses) !!!