Achados os 'aneis milagrosos' dos nove bispos santos de Santo Estevo de Ribas de Sil

Estaban en paradoiro descoñecido desde hai séculos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2020 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

Un equipo de restauración que realizaba o seu labor nos retablos-relicarios laterais da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil localizou, entre os restos dos nove bispos santos alí enterrados, catro aneis que, segundo a tradición, poderían ser os 'aneis milagrosos' destes bispos, en paradoiro descoñecido desde hai séculos.

Foto dos aneis atopados
Foto dos aneis atopados | Fonte: Bispado de Ourense.

Segundo informa o Bispado de Ourense, o cóengo arquiveiro da Catedral de Ourense, Emilio Duro Pena, fala na súa monumental obra sobre o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil dos nove santos bispos galegos que alí morreron.

No proceso de canonización sobre a vida, milagres e veneración e culto público dos corpos e reliquias destes nove bispos faise referencia aos milagres obrados polos aneis, aínda que sen indicar de cantos son. En concreto, preséntanse varios casos de curación, entre os que destaca o da afillada de Bautista Celma, mestre reixeiro, cega de nacemento.

Tras varios séculos perdidos, as obras de restauración dos relicarios laterais do altar maior, onde se atopan os restos dos nove santos bispos, localizaron un elemento patrimonial que poderían ser estas xoias perdidas.

Durante os traballos iniciais foi aberta a urna que se conservaba no relicario esquerdo, onde se conservan os restos de catro dos santos bispos. A urna preséntase dividida en catro compartimentos, que presuntamente conservan as reliquias dos catro. Nun dos compartimentos, entre as reliquias óseas, atopouse unha bolsa de tea (probablemente seda) con bordados en fío de ouro. Ante a sorpresa dos presentes, dentro da pequena bolsa atopábanse catro aneis de prata con pedras de diversa calidade e dous documentos escritos.

Un deles é unha pequena etiqueta en pergamiño, que debía recoller os catro aneis. Na parte interna da mesma aparece un texto no que se pode ler: "Estes quatro aneis son dos que quedaron dos nove Santos Bispos. Son os que quedaron. Os demais desapareceron. Por eles pásase auga para os enfermos e sanan moi[tos]".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta