Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 02/12/2020 | Actualizada ás 16:32
O avogado da familia Franco, Antonio Gil, trasladou, na vista sobre as medidas cautelares decretadas polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña en relación ao pazo de Meirás --o inventario dos bens e a prohibición de trasladalos ata que o acorde a xuíza--, que os seus clientes estarían abertos á posibilidade de permitir que os bens queden no inmoble mediante un acordo previo "e o pago dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico".
Fíxoo ante a próxima execución provisional da sentenza pola que foron condenados a entregar o inmoble ao Estado, unha entrega fixada para o 10 de decembro e na vista tras o seu escrito de oposición ao inventario dos bens acordado polo xulgado e tras pedir tamén que se lles dea máis prazo para a entrega provisional do inmoble, unha petición que rexeitan os demandantes.
Aos escritos da familia Franco, sumouse outra petición do Estado reclamando o depósito xudicial dos bens mobles ata que non haxa unha sentenza definitiva, argumento rexeitado polos herdeiros do ditador. Para esta petición, á que se adheriron a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa, argumentou o avogado do Estado, Javier Suárez, a "alarma" xerada polo anuncio de que ían retirar os bens do inmoble.
"Había datos que nos facían aventurar que ía haber un baleirado completo", expuxo. Ademais, os demandantes relacionárona coa necesidade de dirimir, no seu momento, que bens estarían vinculados á declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural (BIC). "Non foron obxecto da sentenza", replicou o letrado dos Franco, quen desvinculou os bens do propio inmoble. "A maior parte das cousas puxéronas eles", dixo sobre a familia Franco, cuxa petición de destrución do inventario, unha vez realizado, foi rexeitada tamén polas administracións personadas.
DEPÓSITO XUDICIAL
Nunha vista que se prolongou durante algo máis de tres horas, ambas as partes expuxeron os seus argumentos para referendar as súas respectivas peticións. Así, o letrado dos Franco rexeitou que os bens e o inmoble se poidan considerar como unha "unidade" e negou que parte dos seus clientes houbese intención de levar "50 camións" para trasladar o que hai no interior.
"Non é verdade, pero, aínda que o fose, váiseme dicir que a inquietude lles xorde a partir do publicado en prensa", manifestou para rexeitar, como fixo durante as súas distintas intervencións, que existise unha alarma que xustifique a petición do inventario, acordado polo xulgado, e do depósito xudicial. "E por que a súa señoría nos deu 22 días hábiles?", preguntouse. "Un non tarda 22 días hábiles para entregar unhas chaves", esgrimiu tamén como argumento para insistir en que os bens non foron obxecto da demanda presentada polo Estado para reclamar o pazo de Meirás.
DECLARACIÓN BIC
Na súa alegación, rexeitou, así mesmo, que poidan asociarse estes bens mobles á declaración BIC do pazo, para o que se remitiu á lexislación autonómica. Nela, manifestou, "non hai unha mención aos bens e á súa eventual vinculación ao inmoble". Nunha exposición na que apelou á "boa fe" dos seus clientes, por non oporse á entrega provisional do pazo --á espera de que se resolva o seu recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña--, cualificou de "improcedentes" as cuestións expostas polos demandados.
O mesmo argumento utilizaron as administracións para rexeitar o exposto polos Franco. O avogado do Estado puxo en cuestión que os herdeiros do ditador poidan levar do inmoble "os escudos, os relevos, os hórreos, os cruceiros...". "Hai cousas que levaron e se trasladaron ao pazo", dixo sobre obras de arte e históricas que, segundo informes realizados, leváronse ata alí de lugares como o "pazo de Dodro", citou como exemplo.
"PERDER A PISTA" DOS BENS
"O inventario abarca a totalidade dos bens, do exterior e o interior", expuxo, á súa vez, o letrado da Xunta, quen, como o do Estado, se remitiu a sentenzas de distintos órganos xudiciais para referendar a súa exposición. "Corremos o risco de perder a pista de bens que deben permanecer no mesmo", afirmou sobre o pazo e o seu contido; coincidindo co Estado en que debe esperarse a unha sentenza definitiva e, de ser favorable ás pretensións dos demandantes, determinar que bens deben ser do patrimonio público.
"Gran parte dos bens atopábanse no pazo", dixo o avogado do concello de Sada, onde se atopa o inmoble, en referencia á adquisición do mesmo por parte do Junta Pro Pazo en 1938. Os argumentos destas partes foron apoiados tamén polo consistorio herculino e a Deputación coruñesa, instando á xuíza a rexeitar as peticións do Franco e "preservar a integridade" do inmoble e o seu contido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.