Sairá algo da terceira comisión de investigación das caixas galegas?

Os populares suxiren xa un novo fracaso nas conclusións, mentres a oposición denuncia que queren meter este tema no "conxelador".Despois de catro meses desde a sentencia do TSXG por vulneración de dereitos fundamentais a Xunta de Galicia continúa dilatando a entrega da documentación clave na fusión das caixas de aforro galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Parlamento galego constituiu este venres unha nova comisión de investigación da fusión das caixas galegas, a terceira desde que se fechou o acordo hai dez anos. O deputado popular José Manuel Rei Varela presidirá este órgano que ten coma principal obxectivo rematar os traballados das dúas lexislaturas pasadas (a IX e X), oito anos despois desde a primeira vez que se impulsou este órgano. Uns traballos que remataron sen conclusións e con denuncias de ocultación de información e críticas a Feijóo por permitir a fusión coñecendo que ía fracasar.

En declaracións aos medios posteriores á comisión, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tentou xa xustificar un novo fracaso desta comisión. Así, suxeriu que a dilación nos traballos deste órgano ten que ver co proceso xudicial  aos directivos das caixas que levou a cabo nas mesmas datas en que se iniciou a investigación parlamentaria.

Así, dixo que o feito de que "moitas das comisións parlamentarias, ultimamente non chegaron a resultados, ten que ver, entre outras cousas" porque hai persoas sometidas a procesos penais, "o que dificulta" o propio traballo, xa que se poden inhibir e non responder ou achegar documentación polo seu dereito a defensa.

Ademais, dixo que se poden alongar os traballos "indefinidamente" porque "se se adiantan, e hai unha contradición" coa investigación xudicial, fáiselle "fraco favor á verdade e ás institucións".

FALTA DE DOCUMENTACIÓN

Preguntado pola ausencia dunha documentación solicitada no seu día polo exdiputado Antón Sánchez (AGE primeiro e En Marea-Grupo Común da Esquerda, despois), e sobre a que hai unha sentenza xudicial que obriga á Xunta a entregala, Puy Fraga remitiu á propia Administración autonómica e mostrouse seguro de que se cumprirá coa entrega nos prazos xudiciais. Ademais, ao ser preguntado por iso, dixo que calquera documentación que se achegue, é partidario de que se inclúa tamén entre os papeis do Parlamento.

Concretamente, trátase do informe da proposta de fusión das caixas e as actas da reunión de secretarios xerais do Consello previa á reunión na que se autorizou a fusión. A sentenza é de xuño e non se recorreu, polo que transcorrido este prazo e a notificación oficial á Xunta de que debe executar a sentenza en novembro, agora ten dous meses (que non se esgotaron polo momento) para cumprir coa sentenza do TSXG.

"CONXELADOR"

Constitución da comisión de investigación das caixas por terceira vez
Constitución da comisión de investigación das caixas por terceira vez | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, socialistas e nacionalistas critican a intención do PP de paralizar esta comisión. Así, a deputada do BNG Noa Presas esperou que o PP "non meta no conxelador" de novo esta comisión. "Se a oposición cre que plasmar por escrito algo que, polo demais, o país coñece, equivócase", contestou Puy, quen fixou que "o prioritario" é o que se está vivindo coa pandemia e, "por suposto", entre as prioridades secundarias e terciarias" está esta comisión.

Por parte do Grupo Socialista está o tamén avogado coruñés Pablo Arangüena quen, xa no debate de aprobación para a súa creación desta comisión, reivindicou --como fixo tamén este venres--que foi por mor dunha denuncia presentada por el no seu día, no exercicio da súa profesión, os exdirectivos das caixas acabaron condenados polas indemnizacións millonarias que se embolsaron.

FARSA

Precisamente, o voceiro nacional de Anova e ex parlamentario Antón Sánchez, criticou nun comunicado a dilación deste proceso. "Despois de catro meses desde a sentencia do TSXG por vulneración de dereitos fundamentais a Xunta de Galicia continúa dilatando a entrega da documentación clave na fusión das caixas de aforro galegas", indicou.

“Pretenden agochar o máximo tempo posible a súa responsabilidade na maior estafa en décadas en Galiza resistíndose a entregar a documentación. Así que o que hoxe se constitúe é o terceiro acto da farsa da investigación das caixas despois de ter bloqueado o traballo sete anos”, declara Antón Sánchez 


FUSIÓN E COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

As caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, fusionáronse no ano 2010 en NovaCaixaGalicia, pero esta entidade acabou nun proceso de bancarización que a transformou en Novagalicia Banco en 2012, para acabar vendida a venezolana Banesco (en 2014) cun negocio que se desenvolve baixo a marca Abanca.

En rigor, trátase do cuarto intento de investigación, posto que hai que remontarse ao verán de 2012. Cando xa se falaba das eleccións autonómicas, un pleno extraordinario celebrado o 2 de agosto aprobou a creación dunha comisión de investigación das caixas que non pasou de aí, xa que se disolveu a cámara apenas unhas semanas despois para convocar eleccións galegas. Na IX lexislatura desenvolveuse o groso dos traballos pero acabou sen informe e na X só chegouse a constituír e non se avanzou tampouco no documento final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Facer comisións de investigación nun parlamento coma o galego, onde un partido nada transparente e democrático ten a maioría, é unha perda de tempo e enerxías. Sería moito mellor, aínda que máis custoso, facer investigacións e logo facelas públicas en revistas propias ou coma publicidade pagada (dificil atopar soporte que se preste tendo en conta o panorama da prensa de Galicia). En fin, eche o que hai...que botar.