Agasalla en galego

Se queres mercar este Nadal utiliza a plataforma Agasallo.eu e axuda ao comercio local en galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Chega o Nadal e, con el, a necesidade de agasallar aos nosos máis achegados. E, para iso, que mellor que escoller por algo feito na terra. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) creou en 2013 o portal Agasallo.eu (https://agasallo.eu) co obxectivo de compilar e difundir agasallos en galego diversos e para todas as idades.

Hermanager - Viñeta de, humor? - Agasallos nadal 2016
Hermanager - Viñeta de, humor? - Agasallos nadal 2016

Este repositorio non é unha tenda en liña, senón unha mostra de produtos que podemos regalar, que están en galego e que encontraremos en tendas físicas ou na Rede. "Son ademais produtos de aquí, de proximidade, elaborados por empresas e creadores galegos que apostan polo uso da nosa lingua", apuntan desde a CTNL para contribuír a apoiar o comercio local e as entidades e persoas que traballan en galego.

Outro dos obxectivos da plataforma é facer reflexionar as persoas consumidoras á hora de escolleren os seus regalos, para que tamén a lingua en que están os produtos sexa un factor de elección. Por exemplo, se buscamos unha camiseta ou unha cunca para regalar, tamén podemos escollelas en galego deseñadas e elaboradas por empresas de aquí

Para facilitar a busca en Agasallo.eu, os produtos están clasificados en nove categorías (Libros, Música, Audiovisual, Xogos, Tecnoloxía, Téxtil, Experiencias, Alimentación e Outros), que á súa vez se dividen en subcategorías tendo en conta a temática e a idade, co fin de favorecer a procura de regalos dirixidos ao público infantil e xuvenil (en libros, audiovisuais e música). A plataforma tamén conta cun buscador simple e outro avanzado que permite discriminar os produtos por prezo, idade e tipo de proposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta