Temas: MúSICA

O novo disco de Forraje, "moi guitarreiro"

A recente fichaxe de Forraje por Warner foi motivo suficiente para incentivar a controversia en torno ao seu novo disco 'Quejidos que no escucha nadie'. Crítica de Pablo Montaña.

Por GC Tendencias | Vigo | 18/06/2013 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Algúns se aferran aos seus primeiros traballos e cualifican a banda de “vendida”, algo que os seus integrantes toman con humor. Por outra banda, os seus verdadeiros fans o teñen claro, trátase do mellor traballo do grupo ata o momento.

Randy, do grupo Forraje
Randy, do grupo Forraje | Fonte: Pablo Montaña

“Moi guitarreiro” foi o cualificativo que os da Pobra puxeron ao seu novo LP, e isto se debe ás súas contundentes bases creadas con ata tres guitarras, que ás veces se desdobran ou mesmo se dividen en tres secuencias diferentes, quedando así unha primeira guitarra rítmica, unha segunda para os punteos e a terceira, moito máis versátil,  que sirve de apoio ás outras dúas, mesturando deste xeito  acordes con riffs.

Parte dos que rexeitaron o disco o fixeron porque non atoparon nel as distorsións de antano, pero estas seguen a estar presentes, o que mudou foi  a meticulosidade coa que se gravou e se masterizaron cada instrumento. Así, encontramos un son moito máis nítido que o que se podía escoitar en cancións como En Cada Alborada ou Forraje.

Outro dos aspectos que a xente criticou foi un posible cambio de estilo musical dos galegos, cualificando incoherentemente o disco de Pop  comercial. O que quizais levara a moitos a facer tal afirmación foi a ralentización do tempo que sufriron, se os comparamos cos dos discos anteriores , varios temas como Me Bebo los Vientos o Un Vendaval de Suspiros. 

Cancións con ritmo

Sen embargo, o rock é un xénero moi amplo que abrangue cancións cheas de ritmo e de contundentes guitarras á vez que outras como estas, case baladas, pero que presentan características propias do xénero. Ademais, esta ralentización xoga a favor dunhas letras, as máis traballadas de Forraje ata o momento, que mesturan a palabra máis directa cunha liña poética chea de imaxes metafóricas e recursos estilísticos.

Forraje
Forraje

Sen dúbida a banda busca a perfección formal desta opera prima con Puñales, canción con especial atractivo por ser a máis artificiosa en canto a letra e música, pero sobre todo pola participación nela de Robe Iniesta. A calidade desta canción é tal que a primeira vez que un a escoita pode chegar a crer  que ten diante a mesma Ley Innata.

Quizais, menos acertada sexa a colaboración de Fernando de Reincidentes en Buscando el cielo, non polo tema en si, nin tampouco pola voz do vasco, senón porque quizais o estilo de Forraje non se adapte tanto a este intérpreto como pode adaptarse a Robe Iniesta.

Tama Miradas Furtivas

Tamén de interese é o tema Miradas Furtivas polo seu "guiño" ao comezo a Platero y Tú e á súa canción Hay Poco Rock and Roll.

O disco remata con Entre el barrio y las chabolas, seguramente o tema máis semellante aos de Retales, pero isto ten unha explicación lóxica, a canción foi composta xa fai dous anos  para a serie Sanatorio Psiquiatricum.

Este é, en definitiva, o disco que Forraje levaba tempo esperando facer, un disco íntimo pero ao alcance de todos, mérito da súa calidade e amenidade.

Dicía unha vez Rubén Pozo que el non quería facer endexamais ese disco que representara a súa madurez musical. Os Forraje son uns avantaxados da súa xeración musical, capaces de tratar de ti a ti os seus ídolos, como poden ser Marea ou Extremoduro. Non obstante, deben ter coidado pois semellan estar chegando a un punto de madurez no que corren o risco de se quedar estancados. Renovarse ou morrer dicía o refrán. Aínda que ben é  certo que a banda ben sabe renovarse e  renovar, como  fixo coa versión de La quiero a morir que gravaron para Quejidos que no escucha nadie. Con súa interpretación persoal deste tema, a banda foi quen de marcar a diferencia entre copiar e versionar, e así conseguiron unha canción totalmente diferente aos centos de versión anteriores.

Concertos

Quejidos que no escucha nadie  está sendo moi ben recibido polo público, e Forraje quere aproveitar o momento para facer unha xira de presentación. Porén, o da presentación do disco parece non ser máis que unha escusa para subirse aos escenarios e gozar.

Cada vez que actúan fan un extenso repaso por toda a súa traxectoria musical, interpretando temas do seu último álbum, pero tamén moitos outros de discos anteriores. A calidade da banda non mingua en directo, e coa incorporación de Randy á terceira guitarra, Forraje consigue unha contundencia nas bases musicais que antes semellaba non ter.

Tocarán en Boiro o próximo 29 de Xullo, e aínda quedan máis datas por confirmar para este verán en Galicia.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta