Fondo Miguel Gutiérrez: máis de 3.500 carteis do legado cultural da Transición española

Este fondo vén de ser publicado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co grupo HISPONA.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación HISPONA anuncian a publicación do Fondo Miguel Gutiérrez, que "recolle propaganda e publicidade política datada entre o final do franquismo e a década do 2000. Inclúe panfletos, pósteres, carteis, adhesivos, pasquíns, chapas, publicacións, fanzines, vinilos, chaveiros e mercadotecnia variada relacionados coa politíca galega e do resto do Estado español".

«Jornada de unidad antifascista y denuncia de los crímenes del fascismo»  Chamamento á mobilización polos últimos crimes do franquismo do 27 de setembro de 1975. Debuxo dunha manifestación con retratos dos asasinados.
«Jornada de unidad antifascista y denuncia de los crímenes del fascismo» Chamamento á mobilización polos últimos crimes do franquismo do 27 de setembro de 1975. Debuxo dunha manifestación con retratos dos asasinados. | Fonte: Fondo Miguel Gutiérrez, CCG

Neste fondo residen máis de 3.500 carteis, entre os que se inclúen algúns como os das manifestacións do Primeiro de maio cos seus diferentes lemas, os da campaña en contra da integración de España na OTAN e un de 1976 co retrato do vigués Xosé Humberto Baena, fusilado con 24 anos en 1975. Apunta o historiador Emilio Grandío que "é un material diverso visualmente, de diferente natureza pero especialmente interesante que permite recoller unha historia de base, de comunidade e de como se foron construíndo os valores democráticos e as pautas de convivencia nunha época tan relevante”. 

Xa desde o ano 2023, o CCG contribúe á visibilización deste fondo a través dun convenio de colaboración con HISPONA, a través do cal se pretende dar a coñecer máis sobre o patrimonio cultural xerado durante o período histórico da Transición e a consolidación democrática. O coruñés Miguel Gutiérrez destaca que "a colección comezou no ano 1976, cando tiña só 13 anos" e que hoxe en día segue "incorporando materiais, aínda que non se trata dunha colección estritamente sistemática. O seu valor reside, sobre todo, na dimensión histórica e cultural que posúe". 

JOSÉ MARÍA CASTROVIEJO ENTRA NO ÁLBUM DE GALICIA

José María Castroviejo foi escritor, xornalista e un pioneiro da defensa da natureza. A súa biografía, elaborada por María Castroviejo, vén de publicarse no Álbum de Galicia, unha colección de biografías do Consello da Cultura Galega. Nesta entrada destácase "a influencia que tivo a súa nenez no desenvolvemento do seu pensamento". José María Castroviejo “creceu nun ambiente culto. Pasou longas estancias na casa dos avós, en Paizás, Vedra (A Coruña), onde coñeceu a vida rural e escoitou lendas e relatos tradicionais” que o converteron “nun afervoado defensor da terra, da flora e da fauna” apunta María Castroviejo

Apuntan desde o CCG que "a entrada do Álbum de Galicia recolle unha escolma dos títulos que publicou e dos premios que gañou ao longo da súa vida", resaltando así mesmo que contén un "arquivo gráfico con fotografías da vida, amizades e familia do autor, así como as portadas orixinais dalgúns dos seus traballos máis salientables".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta