Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/06/2013 | Actualizada ás 20:41
"Desde hace un tiempo me están animando a entrar en política; en política de partido se entiende. (...) Visto lo visto, sería la vía más práctica para trabajar a favor de los ideales de libertad lingüística y para acabar con el adocenamiento nacionalista que corrompe intelectualmente la enseñanza y la sociedad en general".
Quen así fala é Gloria Lago, a voceira do colectivo crítico coa normalización Galicia Bilingüe. A profesora viguesa expón na súa bitácora os motivos que a frenan, pero tamén os que a empurran a dar o salto dende o asociacionismo e incorporarse a un partido.
Ademais do seu habitual discurso contra o nacionalismo galego, Lago mostra unha liña argumental moi dura coa clase política nunha democracia que di está "enfermando". Así acusa aos cargos de estar interesados unicamente en "mantenerse en sus privilegios y enriquecerse a nuestra costa".
Cal pode ser o partido no que milite?
A Asociación Galicia Bilingüe nunca pediu o voto para unha formación en concreto. Iso si, durante a súa ofensiva mediática contra a suposta imposición do galego durante o bipartito (PSOE e BNG) o seu discurso tivo moito eco entre dirixentes do PPdeG e de UPyD, ademais de outras forzas minoritarias da ultradereita nacionalista española. Por exemplo, membros destas dúas formacións acompañaron a Lago na primeira liña da polémica manifestación en Compostela que rematou con serios incidentes entre mozos nacionalistas e os antidisturbios.
Con todo, unha vez recuperado o poder e comprobado o poder de mobilización que ten a defensa do galego, o Goberno do PPdeG foi marcando distancias con Galicia Bilingüe. A propia Gloria Lago criticou abertamente a Alberto Nuñez Feijóo por incumprir as promesas de "libertad lingüística" que fixera en campaña. A profesora olívica tamén arremeteu publicamente en varias ocasións contra o secretario xeral de Política Lingüística. A súa entrada no PPdeG parece polo tanto improbábel.
No referido a UPyD cómpre lembrar que, a nivel do Parlamento estatal, é o partido que mantén un discurso máis crítico co modelo autonómico. Ademais, en Galicia existe un baleiro de poder na súa cúpula, malia que unha enquisa recente enquisa dálle opcións de entrar no Parlamento Galego.
Este mes José Canedo, candidato á Xunta nas autonómicas, anunciaba que marchaba do partido. Entre as razóns para irse, Canedo apuntaba o protagonismo que na vida do partido teñen entidades externas como Galicia Bilingüe "que nada achegan nin ao partido nin aos cidadáns e co visto e prace da dirección nacional".
Ex-militante de Coalición Galega
Lago di no seu blog que "me gusta comunicar, me gusta organizar, me gustan los retos y luchar por hacer realidad aquello en lo que creo" , pero que "no me gusta la vida dentro de un partido". A continuación pasa a rememorar o seu "buen recuerdo" como membro de Coalición Galega onde "me sentí tratada como la niña mimada" e "iba por libre".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.