A nova especie invasora que invade Euskadi ameaza Galicia: "É como a velutina, xa non vai marchar"

A chincha marrón fedorenta consolídase como praga en Euskadi e marca o camiño do que pode pasar en Galicia nos vindeiros anos, segundo conta Unai Sánchez Gorroño, CEO de Insec Control de Plagas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/10/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O avance da chincha marrón fedorenta ('Hayomorpha halys') é unha desas historias silenciosas que se repiten cada certo tempo: un insecto aparentemente inofensivo que chega sen facer ruído, que medra pouco a pouco, que ocupa as fendas, os ocos e os recunchos, e que cando nos decatamos xa forma parte da paisaxe doméstica e urbana. Así está a suceder en Galicia nos últimos meses, con aparicións esporádicas en vivendas e empresas, pero o que en Euskadi comezou hai catro anos, xa se converteu nunha presenza constante, molesta e difícil de controlar. A experiencia vasca serve hoxe como espello do que pode vir aquí. Alí, segundo explica Unai Sánchez Gorroño, CEO de Insec Control de Plagas, unha empresa especializada en sanidade ambiental e control de pragas con sede no País Vasco, a chincha marrón fedorenta "chegou en número pequeno o primeiro ano e xa se deixaba ver en vivendas e empresas, pero o ano pasado foi algo caótico".

Chincha marrón fedorenta ('Halyomorpha halys')
Chincha marrón fedorenta ('Halyomorpha halys') | Fonte: GC

Dende entón, recoñece, "non deixou de ir en aumento" e agora mesmo o problema intensifícase especialmente no outono. A explicación é sinxela: non é que desaparezan no resto do ano, senón que é nestas datas cando o insecto busca refuxio para hibernar e entra nas vivendas e nas naves industriais. "Métese nos verteaugas das fiestras normalmente", di Unai. O fenómeno repítese cada outono e, a diferenza doutras pragas, esta é máis visible que perigosa. "Non supón risco para as persoas", asegura, sinalando que "unicamente é unha molestia pola súa presenza e polo cheiro que despreden cando se esmagan, de aí o nome de fedorenta". Por sorte, "non transmiten enfermidades". Así as cousas, o verdadeiro dano, engade, "é o que causan ás froitas e hortalizas, máis que o que poidan facer nas casas". No caso da súa empresa, Insec Control de Plagas traballa exclusivamente en vivendas e empresas, non en cultivos.

"AS EMPRESAS DE CONTROL DE PRAGAS POUCO PODEMOS FACER CONTRA AS CHINCHAS; O MELLOR É RETIRALAS CON ASPIRADORAS E POÑER MOSQUITEIRAS"

O problema principal, segundo conta, é que a da chincha marrón fedorenta é unha praga contra a que "pouco podemos facer as empresas de control de pragas". A súa presenza é estacional, concentrada nestas semanas de outono, e as solucións que se lle poden dar son limitadas. "Non se adoita facer practicamente nada, porque aínda que remates con algúns exemplares, volverán outros", lamenta. "Nós mesmos temos o problema nas oficinas, que están nun polígono industrial con bastantes árbores, e sufrímolo de primeira man", asegura. Algúns tratamentos funcionan durante uns días, pero "á semana seguinte volven aparecer, porque veñen do exterior novos individuos". Por iso, recomenda medidas sinxelas e preventivas: "O mellor é usar aspiradoras para retiralas dos verteaugas e colocar mosquiteiras para evitar a entrada".

Deste xeito, as súas propias instalacións son un exemplo do que acontece en moitos puntos do País Vasco. "Agora mesmo estou vendo varias no chan, mortas, e se abro a fiestra o verteaugas está cheo delas", conta mentres fala da difícil situación. Con todo, apunta que este ano non percibe un aumento destas chinchas con respecto ao ano pasado, aínda que tampouco unha mellora. "Vén ser o mesmo", di, e engade que "isto é algo que chegou para quedar". Así, apunta con resignación: "Isto é como a velutina, que entrou e xa quedou; do mesmo xeito, a chincha marrón fedorenta non vai marchar". Sánchez Gorroño confirma que nin sequera é unha excepción: "Hai especies invasoras como a velutina ou o mosquito tigre que teñen en común que, cando chegan, adáptanse ao territorio e permanecen nel, e isto seguirá pasando con novas especies", advirte.

"ANTES A ESTACIONALIDADE MARCABA O RITMO, ASOCIADA Á ÉPOCA DE CALOR, PERO AGORA HAI TRABALLO TODO O ANO, POLA CHEGADA DE ESPECIES NOVAS"

No seu sector, o panorama complícase tamén por outras pragas que retornan con forza cando xa se crían superadas. "A chincha de cama, por exemplo, estaba practicamente erradicada no País Vasco e agora converteuse novamente nunha praga importantes nalgúns lugares", explica. Isto está en consonancia cos escándalos dos últimos anos relacionados coa presenza destas chinchas en establecementos galegos nos que se hospedaban os peregrinos que realizaban o Camiño de Santiago. Unai asegura que, do mesmo xeito, en Euskadi "cada vez facemos máis tratamentos contra estas chinchas, que son unha verdadeira praga", e sinala que "son tratamentos moi custosos, tanto de traballo como economicamente para a xente que o sofre e os ten que pagar". Así mesmo, apunta tamén ao incremento de carrachas, máis perigosas pola súa capacidade para transmitir enfermidades.

A realidade é que cada vez hai máis pragas activas ao longo do ano, e a actividade das empresas de control xa é constante. "Antes a estacionalidade marcaba o ritmo de traballo, asociada á epoca de calor, pero agora hai traballo todo o ano, tanto pola climatoloxía como polas condicións das casas, que teñen temperatura estable durante todo o ano", explica Unai. Ademais, o propio ofico está a mudar. "Agora estamos aprendendo cousas novas continuamente, formándonos", di. "Chegan especies novas e temos que investigar como tratalas, así que dentro do sector a reciclaxe é continua, tanto na dirección técnica como entre os empregados". Con todo, lamenta que tamén hai un obstáculo crecente: as retricións europeas. "As directivas cada vez son máis esixentes e o número de produtos que temos para combater estas pragas é cada vez menor: os tratamentos que podemos usar están a reducirse e iso complica o traballo cada vez máis", asegura. Neste escenario, a experiencia e o factor humano fanse cruciais. "Ao final son máis importantes a man de obra, a experiencia e a capacitación da xente que os propios produtos", admite o CEO de Insec Control de Plagas.

"CADA VEZ TÉMOLO MÁIS COMPLICADO EN CANTO AOS PRODUTOS; IMOS TER QUE COMBATER AS PRAGAS MÁIS CON PREVENCIÓN QUE CON TRATAMENTOS"

Cando se lle pregunta como ve o futuro do sector a 20 anos vista, resposta cun punto de humor: "Dentro de 20 anos agardo estar xubilado". Pero de inmediato engade: "Cada vez vai ser máis complicado en canto aos produtos, polo que imos ter que combater as pragas máis con experiencia e prevención, poñendo barreiras físicas, que con tratamentos químicos". "A cousa vai ir por aí", prevé. O relato de Unai Sánchez Gorroño é o dun territorio que xa pasou antes pola fase que Galicia comeza agora a vivir. A chincha marrón fedorenta non é perigosa, pero é persistente. Instálase nos ocos das casas, desprende un cheiro desagradable e é difícil de erradicar. En Euskadi leva catro anos asentada, e ninguén agarda que desapareza. A súa experiencia demostra que o mellor remedio é a prevención, a vixilancia e o emprego de barreiras físicas. Galicia, que comeza a ver os primeiros síntomas, pode mirar cara os seus veciños do norte e aprender dunha praga que, como di o propio Unai, "non vai marchar, chegou para quedar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta