Os pingüíns tamén contaminan

Un estudo da USC e o CSIC conclúe que as colonias de pingüíns acumulan metais como o cobre e zinc e compostos orgánicos como os hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2025 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

Un estudo no que participou persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) documentou a presenza e a orixe de diversos contaminantes nos chans das colonias de pingüíns que eles mesmos difunden.

Tal e como trasladou a USC nunha nota de prensa, os resultados do estudo, elaborado a partir de colonias das illas Livingston e Decepción, mostraron un "enriquecemento significativo" en nutrientes, metais como o cobre e zinc e compostos orgánicos como os hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs).

O equipo científico concluíu que estas aves actúan como vectores biolóxicos capaces de transferir contaminantes. E é que, nalgúns puntos os niveis destes materiais "superaron os valores de referencia internacionais". Segundo a investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC e primeira autora do traballo, Begoña Pérez, aínda que os chans parecen soportalos sen efectos inmediatos, "de filtrarse cara a regatos ou augas costeiras, poderían afectar a organismos acuáticos extremadamente sensibles, como o placton, base da cadea alimentaria mariña".

Neste contexto, identificaron múltiples orixes destes contaminantes: a propia actividade biolóxica das aves, a influencia da actividade volcánica na Illa Decepción e, en menor medida, a actividade humana vinculada a bases científicas e turismo. "Os pingüíns son esenciais para o equilibrio da vida na Antártida, pero tamén se poden converter nunha fonte natural de contaminación nun ambiente extremadamente fráxil", sinalou o catedrático da USC e coordinador do estudo X.L. Otero.

Grupo de pingüíns. CSIC
Grupo de pingüíns. CSIC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta