A chincha marrón fedorenta, unha praga incipiente en Galicia: "Frear a súa expansión é case imposible"

A investigadora e profesora pertencente ao Departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC) María José Servia García explica como esta especie asiática se adapta aos cultivos galegos e por que o comercio global e o cambio climático xogan ao seu favor.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 09/10/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos, Galicia vén sendo testemuña dunha transformación silenciosa: insectos, plantas e microorganismos que antes eran alleos ao noso territorio comezan a aparecer cada vez con máis frecuencia. Chegan dende miles de quilómetros de distancia, ás veces agochados en caixas, madeiras, froitas ou contedores, aproveitando o tráfico constante de mercadorías e o movemento global das persoas. E, a medida que o clima se suaviza, os outonos parécense máis a veráns e as xeadas vólvense escasas, mentres o territorio galego se converte nun refuxio perfecto. Un deses novos hóspedes é a chincha marrón fedorenta ('Halyomorpha halys'), unha especie asiática que, aínda que non causa dano directo ás persoas, pode converterse nunha quebradura de cabeza para a agricultura. O seu avance, discreto pero constante, é visto polos científicos como un síntoma da nova era biolóxica: a das especies invasoras facilitadas pola globalización e o cambio climático.

Chincha marrón fedorenta ('Halyomorpha halys')
Chincha marrón fedorenta ('Halyomorpha halys') | Fonte: GC

"Estamos ante un fenómeno que se repite cada vez máis, e o caso da chincha marrón fedorenta é un bo exemplo: unha especie discreta, difícil de detectar, pero moi adaptable", destaca María José Servia García, investigadora e profesora pertencente ao Departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC), quen alerta de que non é momento de alarmismos, pero si de vixilancia. O primeiro que aclara é que o nome común desta especie pode levar á confusión: "A chincha marrón é, efectivamente, un exemplo deste tipo de insectos que son as chinchas, que se nutren dos fluídos dos vexetais, pero o termo 'marrón' é moi amplo e pode dar lugar á confusión, porque en Galicia tamén temos chinchas de cor marrón que son autóctonas, mentres que a que agora nos interesa é unha especie invasora". Para identificala con precisión non abonda con fixarse na cor marrón: "Hai que mirar máis aló: as pequenas manchas marmoladas, as bandas brancas nas antenas ou nas patas e marxes do corpo...", apunta.

"CHEGOUNOS SEGURAMENTE POR EXPANSIÓN NATURAL DENDE ZONAS INVADIDAS, MAIS TAMÉN POR INTERCAMBIOS COMERCIAIS E TRANSPORTE DE PRODUTOS"

Esta chincha ten orixe asiática. "Como moitas das especies que nos están chegando agora a Galicia, esta chincha tamén é asiática", confirma Servia, que sinala que "chegounos seguramente por expansión natural dende zonas invadidas, mais tamén polos intercambios comerciais, polas importacións e polo transporte de produtos: unha consecuencia directa da globalización". E detalla que xa leva tempo en Europa: "No resto do continente está presente dende hai anos, pero o comercio e o tráfico internacional favorecen o transporte destes insectos cara outros lugares, algo que resulta moi difícil de controlar, porque ao ser pequenos e marróns camúflanse, agóchanse e poden vir mesturados con case calquera produto". Así, a súa capacidade de desprazamento, a súa resistencia e a súa discreción fan que sexa moi complexo frear a súa expansión unha vez aterran nun territorio.

Un dos aspectos máis preocupantes é a súa dieta. "É unha especie polífaga, moi polífaga ademais", di a investigadora, que explica que "isto significa que pode alimentarse de moitos tipos de plantas". "Pode alimentarse de todo tipo de cultivos, árbores froiteiras, hortalizas e vexetais que produzan froitos ou mesmo pode chegar a alimentarse das súas follas e troncos", destaca. Iso faina extremadamente versátil e adaptable a distintas épocas do ano. "Como hai especies que lle serven de alimento en todas as estacións, a chincha marrón fedorenta pode manterse activa moito tempo e, mentres as temperaturas non baixen moito, segue alimentándose do que teña dispoñible", indica Servia. E ese é precisamente o seu punto forte: as temperaturas suaves que se están a rexistrar en Galicia, cada vez máis frecuentes, favorecen o seu ciclo biolóxico. "Os outonos cálidos e os invernos brandos prolongan a súa actividade", advirte Servia, que se amosa consciente de que "o cambio climático está xogando un papel importante". Unha molestia notable que causa esta especie é que emprega con frecuencia as construcións humanas, incluídas as vivendas, para refuxiarse no inverno. Poden facelo en grupos moi grandes, e as súas deposicións e o cheiro que desprenden cando se intenta eliminalas son moi desagradables.

"A PRIMEIRA CITA CIENTÍFICA DA ESPECIE EN GALICIA REMÓNTASE A 2023, PERO PROBABLEMENTE XA ESTABA AQUÍ DENDE ANTES, PORQUE SE AGOCHA MOI BEN"

A profesora da UDC detalla o concepto de 'especie invasora', para diferenciala dunha 'especie exótica' sen máis: "As especies exóticas son aquelas trasladadas polo ser humano fóra do seu hábitat natural, xa sexa de forma activa --cando se transportan intencionadamente-- ou pasiva --cando chegan mesturadas con mercadorías sen que se busque trasladalas de xeito intencional--". Unha vez aterran no novo territorio, se as condicións lles son favorables, rematan por multiplicarse ata causar danos económicos, ecolóxicos ou mesmo para a saúde humana. "Hai moitas plantas e animais exóticos, pero non todos chegan a ser invasores", matiza Sevia, que aclara que "só se consideran así cando teñen repercusións negativas claras no territorio no que se asentan".

Sobre o seu ciclo vital, Servia sinala que "en Europa reprodúcese, alo menos, unha vez ao ano, pero pode chegar a dúas xeracións se as condicións o permiten". Pola súa banda, "nas zonas de orixe, con climas máis cálidos, hai máis xeracións anuais". E a investigadora engade que "o problema é que pasa moi desapercibida", de xeito que, "cando detectas un exemplar, probablemente xa hai moitos máis no territorio". "Non é doado darse conta do problema ata que se fan máis visibles porque hai un maior número ou porque empezan a verse os danos", asegura. Na súa busca de información, atopou que a primeira cita científica da especie en Galicia remóntase ao ano 2023, pero con datos procedentes dunha plataforma cidadá de observación. "É dicir, non foi o investigador o que capturou activamente a chincha, senón que unha persoa fixo unha foto e a subiu á rede, de xeito que o investigador a puido identificar posteriormente", puntualiza. "Isto fai pensar que, en realidade, a chincha marrón fedorenta xa estaba aquí dende antes", conclúe.

"O PROCEDEMENTO DE EXPANSIÓN DA CHINCHA MARRÓN FEDORENTA É DIFÍCIL DE FREAR; MENTRES O CLIMA LLE SEXA FAVORABLE, SEGUIRÁ AVANZANDO"

A discreción desta chincha lembra ao que aconteceu coa vespa velutina á súa chegada a Galicia: "Ao comezo tamén custaba identificala e, aínda que agora todos a recoñecemos, no seu momento houbo verdadeiras confusións", lembra Servia, que asegura que "coas chinchas pasa algo semellante: mentres non causen danos directos ás persoas, pasan desapercibidas". E é por iso que a detección adoita ser tardía. "Os danos vense cando xa non hai remedio, porque as picaduras nos froitos e nas follas fanse evidentes cando xa hai moitos exemplares e o problema está moi instalado no territorio", sinala.

Preguntada sobre se se pode frear a súa expansión, a científica é clara: "O procedemento de expansión da chincha marrón fedorenta é moi difícil de frear, porque mentres o clima lle sexa favorable, seguirá avanzando". "O que podemos facer é centrarnos en protexer os cultivos e os recursos que poidan verse afectados por ela", subliña. Actualmente, moitas casas comerciais xa están a desenvolver trampas con feromonas e recomendan o uso de mallas protectoras, como se fai noutros países mediterráneos. "Aquí non é habitual empregar este tipo de protección, porque suporía un investimento importante que non todas as explotacións agrarias poden permitirse facer", sinala a profesora da UDC. Con todo, amósase consciente de que, "se esta especie se estende, chegará a ser necesario".

"O IMPORTANTE É ESTAR PREPARADOS: REACCIONAR RÁPIDO CANDO SE DETECTAN E PROTEXER OS RECURSOS SE NON SE PODE EVITAR A EXPANSIÓN"

Por agora, en Galicia non se rexistran danos masivos nin grandes competicións con outras especies polo alimento ou o territorio, pero iso podería mudar. "Sempre pode haber certa competencia, maior ou menor, pero como estas invasoras atacan aos cultivos, o foco da investigación actualmente céntrase máis en avaliar o impacto económico que en estudar a competencia biolóxica coas especies autóctonas", di Servia. Tamén menciona o caso doutros países, como Inglaterra, onde a chincha marrón fedorenta xa está presente dende hai moito tempo, pero aínda non causa graves danos. "Aquí pode acontecer o mesmo, pero hai que seguir observando para poder determinalo", asegura.

"O aumento do transporte de mercadorías e de persoas incrementa o risco de que aparezan novas especies exóticas invasoras: pedimos mercadorías constantemente, facemos viaxes, importamos produtos... Todo iso multiplica as posibilidades de que estas novas especies cheguen a nós", reflexiona a investigadora. Servia propón acostumarnos a convivir con esa tendencia, pero con preparación: "Irán aparecendo novas especies, algunhas causarán máis danos, outras menos, pero o importante é estar preparados". "Hai que reaccionar rápido cando se detectan e protexer os recursos cando non se poida evitar a expansión", afirma. E tamén chama a atención sobre a falta de financiamento para a investigación: "As administracións tenden a reaccionar cando xa hai un problema, aínda que sería moito máis intelixente investir antes do problema, na súa prevención e detección temperá". "Para iso fan falta recursos, formación e coordinación", demanda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta