Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/06/2013 | Actualizada ás 22:12
O sábado 29 de xuño, na vella estación do tren de Pontagra, en Ordes, unha nova edición
(a terceira) da Festa da República galega, coincidindo co seu 82º aniversario. E para reivindicar a fin da Monarquía e a chegada da ‘República Indíxena galega’, nada mellor que a autodenominada Liga Nacional de Billarda-Aberto da República.
O vídeo promocional da xornada xa se pode ver en YouTube baixo o título de ‘Billarda e República galega sempre’, con música de Comandante Suso. O día 29, a xornada estará amenizada por O Leo_i_Arremecaghona, Cé Orquesta Pantasma e Xenderal, e procederase á presentación da nova bandeira da República galega, co famoso escudo de Castelao e un semicirculo azul que representa o pasado castrexo.
Outras actividades
Ademais do aberto de billarda, haberá un xantar popular, xogos para os nenos e diversos actos literarios. A xornada festiva principiará ás doce da mañá. Como non podía ser doutro xeito, haberá espazo para as reivindicacións: ‘Aire puro sen arsénico nin cianuro. Non á mina de Corcoesto’, pódese ler nunha pancarta no vídeo.
Os organizadores da festa (AC Foucelhas de Ordes, AC Lucerna de Cerceda e A revoltaina cultural da beira de Bergantiños de A Laracha) fan un chamamento á participación dos galegos.
Este é o vídeo:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.